O BNG pide o soterramento da avenida Otero Pedrayo para protexer a seguridade das persoas
Iago Tabarés criticou a falta de respecto da Xunta polos acordos unánimes do concello de Ourense nos anos 2017 e 2022
O deputado do BNG, Iago Tabarés trasladou ao goberno galego a inquedanza da cidadanía ante a construción dun edificio administrativo na cidade de Ourense para centralizar a totalidade das dependencias da Xunta, na actualidade distribuídas en máis de 20 inmobles.
A infraestrutura implicaría un incremento no tránsito peonil e da circulación de vehículos na avenida Otero Pedrayo
Para a construción do edificio, explicou o deputado, a Xunta de Galiza adquiriu 4 parcelas no Barrio ourensán das Lagoas sobre o que “non existe ningún proxecto e sobre o que a Xunta négase a dar explicacións do procedemento de adquisición”.
Por outra parte, dixo, a eventual construción da infraestrutura implicaría “un incremento no tránsito peonil e da circulación de vehículos na avenida Otero Pedrayo” e se o goberno quere recuperar a vella promesa á sociedade ourensán, “debe proceder ao seu soterramento” para protexer a seguridade das persoas e permitir a integración dos diferentes campus coa cidade”.
Este proxecto, explicou o nacionalista, foi anunciado a finais do século pasado polo conselleiro de Ordenación do Territorio, Xosé Cuiña e no ano 2008 co Partido Popular fóra do goberno comezou a andar o proxecto de soterramento, dan man do concello, universidade e da extinta Caixanova e que, ademais abría a porta á construción dun bulevar, un carril bici, vivenda protexida e areas comerciais e residencias. Pero, unha vez máis, recalcou o deputado, “o PP torpedeou este proxecto”
Ademais, engadiu que non se avanzou no soterramento é a única intervención de seguridade viaria foi unha reforma que o seu socio de goberno cualificou de “low cost” e que en ningún caso daba resposta ás necesidades e demandas sociais e a integración urbana do campus.
No 2017 o pleno do concello de Ourense encomendaba ao alcalde do Partido popular trasladar á Xunta de Galicia “a elaboración dun proxecto para o soterramento do vial” pero pasado o tempo constatamos que o goberno amigo non atendeu esta demanda.
O pasado mes de marzo e igualmente por unanimidade, o concello de Ourense acordou novamente requirir á Xunta de Galicia o soterramento da avenida que permita a permeabilidade entre zonas tan importantes da cidade, eliminando a división que xera ese vial polo que pasan diariamente máis de 14.000 vehículos.
Ethel Vázquez subliña os investimentos transformadores na cidade de Ourense
Vázquez Mourelle aclarou no Parlamento que a administración titular da avenida Otero Pedrayo é o Concello de Ourense, polo tanto, é a administración local a que debe impulsar as iniciativas que considere oportunas sobre esa vía. Lembrou que a Xunta acometeu entre o 2018 e 2019 unha remodelación na rúa Otero Pedrayo, que se corresponde, ademais, co primeiro quilómetro da estrada autonómica OU-536, achegando un investimento de case 2 millóns de euros.
Esta intervención mellorou radicalmente a integración urbana e a seguridade viaria da rúa, dispoñendo dúas glorietas, semáforos, iluminación e beirarrúas reparadas. Tamén se optimizou a accesibilidade cunha nova rampla de acceso á piscina da Universidade e se construíu unha senda na marxe dereita da vía máis aló do primeiro quilómetro. Unha vez rematadas as obras, en setembro de 2019, o Concello de Ourense asumiu a titularidade do treito da estrada obxecto da actuación.
A conselleira destacou que a Xunta leva anos impulsando actuacións en materia de seguridade viaria na cidade das Burgas, como a executada na rúa Marcelo Macías, as dúas fases da posta en valor da Ponte Vella e da súa contorna, a Ponte do Milenio ou a mellora da OU-105 en Seixalbo. Puxo en valor outros proxectos tan relevantes e xa en servizo como a estación de autobuses intermodal, cun orzamento autonómico de 9 millóns de euros.
Puntualizou que o AVE chegou a Ourense e conta coa estación de autobuses intermodal funcionando desde hai un ano, pero lamentou o retraso nos traballos que debe acometer o Goberno central na terminal de tren. Indicou que o Goberno galego destinou 500.000 euros á demolición da antiga estación e o solar está xa preparado para albergar unha nova residencia da terceira idade ao servizo de Ourense, na que traballa xa a Consellería de Política Social.
Ademais, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa avanzando no reforzo da mobilidade sostible en Ourense, coa posta en marcha de sendas xa licitadas na OU-105 en Ponte Sevilla, e na OU-536, na avenida de Ponferrada, en Montealegre e Valdorregueiro.
Ethel Vázquez salientou que a Xunta tamén prevé desenvolver nesta cidade un dos proxectos máis ambiciosos aproveitando os fondos Next Generation do programa europeo de reconstrución económica tras a pandemia. Trátase dun gran itinerario peonil e ciclista que conectará a cidade de norte a sur, partindo da estación intermodal, continuando polo Barbanza ata o Complexo Hospitalario Universitario e rematando en Seixalbo.
Detallou que serán 5,2 quilómetros de sendas cun investimento que roldará os 4,5 M€ co obxectivo de transformar a mobilidade na cidade, fomentando desprazamentos máis limpos e saudables. Tamén se referiu ás actuacións no eido da sanidade pública, lembrando que o Goberno galego está a destinar máis de 52 M€ a ampliar o Complexo Hospitalario de Ourense.