O BNG insta á Xunta a solucionar os problemas de urxencias do CHUO
Noa Presas acusa á Xunta de sobreexplotar o persoal e lamenta que o Conselleiro non se compremeta a atender as demandas mentres hai esperas de máis de dez horas.
O BNG instou, a través da nacionalista Noa Presas, a que a Xunta de Galiza atenda as demandas do persoal do CHUO respecto da situación de urxencias, que pasan por incrementar o persoal e reorganizar o servizo para poñer fin a unha situación límite que ten esgotados aos traballadores e traballadoras e que leva ás e aos doentes a estar agardando máis de dez horas para seren atendidos.
O BNG, que volveu rexistrar iniciativas ao respecto no Parlamento Galego, recorda que “estes problemas son repetidos e que o persoal de urxencias estivo meses enteiros o ano pasado mobilizándose todos os martes. Considera inaceptable a soberbia do goberno da Xunta e lamenta que na súa comparecencia no Parlamento Galego o Conselleiro Comesaña botase balóns fóra respecto dos problemas da sanidade galega e non fixese mención aos colapsos do CHUO”.
Presas recorda que “esta situación é coñecida pola Xunta porque xa no verán as e os profesionais remitiron unha queixa á Valedora do Pobo e o Colexio de Médicos pronunciouse en decembro reclamando de forma clara a necesidade de cando menos dez profesionais máis”, por estes motivos, “volvemos trasladar iniciativas ao Parlamento Galego reclamando medidas para evitar a saturación dos servizos de urxencias no Complexo Hospitalario de Ourense. Dialogar e negociar co persoal do CHUO, o incremento de persoal demandado, partindo do obxectivo de incorporar o número de profesionais que se solicite e impulsar un Plan de choque que permita un investimento urxente de 200 M€ adicionais a nivel galego na atención primaria, que permita reforzar o servizo para evitar a sobrecarga que supón para as urxencias todas aquelas persoas que acoden porque non poden facelo na primaria.”
Mobilización o próximo 12 de febreiro en Santiago de Compostela
O BNG tamén trasladou “o total apoio do BNG á manifestación en defensa da sanidade pública convocada para o 12 de febreiro en Santiago de Compostela, instando a participar a toda a cidadanía xa que “a mobilización social segue a ser unha poderosa arma de defensa dunha sanidade pública de calidade e foi o que conseguiu que Ourense tivese hemodinámica 25 horas ou que se reabrise a sala de partos de Verín”.