O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense denuncia un novo arboricidio na cidade de Ourense, executado neste caso pola Xunta de Galiza pero baixo o amparo do Concello.
Refírense os nacionalistas as talas e podas que se están a realizar na contorna da Universidade Laboral de Ourense e que, tal e como denuncia varios colectivos e asociacións ecoloxistas, “a tala e a eliminación do bosque é unha auténtica aberración”.
Desde o BNG lembran que onte mesmo no pleno do Concello de Ourense xa se abordou outra actuación máis que cuestionábel, neste caso no río Barbaña, e é que como din os nacionalistas, as limpezas, os desbroces e as talas, estanse a realizar en Ourense sen ningún tipo de criterio nin protocolo técnico. Estamos ante actuacións exterminadoras onde non hai a máis mínima sensibilidade nin respecto pola flora e a fauna.
No caso da Universidade Laboral, estamos diante dun espazo verde en plena cidade, espazo singular e que desde os anos setenta conseguiu unha perfecta integración paisaxística dentro da trama urbana, contribuíndo a xerar unha zona de lecer e esparcemento cunha rica variedade arbórea.
Os nacionalistas cuestionan os motivos e os argumentos esgrimidos pola Xunta de Galiza para a realización das talas e solicitan a súa inmediata paralización.