Igualdade

O BNG demanda equidade de xénero nos recoñecementos da Deputación

Bernardo Varela propón unha vez máis que a Deputación recoñeza o talento e os méritos das mulleres da provincia de Ourense.

Óscar Gómez

Ourense | 18.02.2022 11:36

O BNG demanda equidade de xénero nos recoñecementos da Deputación | onda cero

O Voceiro do Grupo Provincial do BNG na Deputación provincial de Ourense, Bernardo Varela, sinala unha clara discriminación cara as mulleres da provincia de Ourense á hora de ser recoñecidas polas distincións do ente provincial. “Desde que exerzo como Deputado nesta institución, só se galardoou a mulleres naquelas categorías destinadas exclusivamente a mulleres” sinala Varela.

A comisión de Cultura, Deportes e Mocidade do ente provincial ditaminou na sesión de onte pola tarde que unha vez máis a dous homes sexan recoñecidos coas máximas distincións que outorga a institución provincial. Neste caso, determinouse iniciar o expediente para o nomeamento de Jose Quiroga Suárez como fillo predilecto da provincia a título póstumo e o outorgamento da Medalla de Ouro da Provincia a Don Xosé Paz Rodríguez.

Nos últimos anos non se outorgou ningún destes recoñecementos a ningunha muller. Si se outorgou o Premio Olimpia Valencia á cardióloga Luísa Pérez, moi merecidamente, porén un premio destinado exclusivamente ao recoñecemento de mulleres.

Esta provincia ten destacadas mulleres con tantos ou máis méritos que os homes que foron distinguidos e recoñecidos polo ente provincial até o momento, indica o voceiro nacionalista, e merecedoras de ser recoñecidas e galardoadas pola institución, xa for como fillas predilectas da provincia, coa medalla de Ouro.

Varela sinalou durante o debate da comisión informativa algúns nomes que ao parecer do BNG están sendo inxustamente relegados da memoria colectiva, a pesar dos seus destacados logros e recoñecementos sociais, académicos ou laborais en diversos campos.

O voceiro nacionalista sinalou a modo de exemplo o nome de Antonia Ferrín, do Carballiño, que a foi primeira muller en ler unha tese doutoral sobre astronomía no Estado español, 1963, tamén a primeira tese que foi defendida na facultade de matemáticas da USC. Licenciada en Químicas e farmacia. Que mesmo a día de hoxe a Universidade de Vigo concede un premio á igualdade de xénero co seu nome. Porén o seu nome é un de tantos ignorados pola cidadanía en xeral e obviado pola Deputación de Ourense.

María Crespo, unha cardióloga nada en Cea en 1961. Recoñecida en diferentes ámbitos internacionais e asociacións de cardioloxía e que ten xa a medalla Castelao, e o nomeamento de filla predilecta do seu concello de nacemento.

Varela non deixou de indicar existe un gran elenco de talentos académicos, literarios, políticos que son sistematicamente obviados sen razón algunha. Como “a primeira muller entrar na Real Academia Galega, Olga Gallego, tamén ourensá. Unha Historiadora, docente e arquiveira con importantes investigacións fonte ineludible para o coñecemento da cultura e do pasado de Ourense”, outro claro exemplo.

Entendemos, dí Varela, que estas e outras moitas son merecentes destes mesmos recoñecementos que darían visibilidade ao papel da muller na nosa sociedade. Un papel que debemos defender e actualizar. E que desde logo débenos levar a unha reflexión de porque nestes últimos anos, as distincións de Fillo Predilecto ou a Medalla de Ouro, non foron outorgadas a ningunha muller.

Solicitaremos novamente no pleno da semana que ven que estas figuras, que valorizan a nosa provincia, independentemente do seu sexo, teñan un recoñecemento por parte do ente provincial.