Sanidade

O BNG comprométese a garantir unha atención pediátrica “garantida, xusta e digna”

O BNG apoia a mobilización convocada para este domingo, 14 de xaneiro, na vila do Carballiño para reclamar unha “atención pediátrica de primeira” e “non os parches da Xunta”.

Óscar Gómez

Ourense |

O BNG comprométese a garantir unha atención pediátrica “garantida, xusta e digna” | onda cero

Representantes do BNG a nivel municipal, provincia e autonómico manteñen unha reunión con membros da Plataforma en defensa da Sanidade Pública do Carballiño para trasladar o seu apoio a mobilización convocada para este domingo e explicar as iniciativas que teñen rexistrado até o momento sobre a carencia do servizo de atención pediátrica que sofre a comarca do Carballiño. Para a organización nacionalista, a falta de previsión e xestión da Xunta do PP non poden furtar os dereitos da veciñanza da comarca do Carballiño e, menos, das máis de 2.300 crianzas que se ven afectadas “por este parche da Xunta”.

Os deputados do BNG no Parlamento de Galiza, Noa Presas e Iago Tabarés, o deputado provincial, Xosé Manuel Puga, e a portavoz municipal do BNG no Carballiño, Sofía García, mantiveron un encontro con representantes da Plataforma en defensa da Sanidade Pública do Carballiño. Nesta xuntanza, a organización nacionalista traslada o seu apoio a mobilización convocada para este domingo, 14 de xaneiro, na vila do Carballiño para exixir a rectificación da Xunta de Galiza.

Carencia do servizo de pediatría no Carballiño

Durante a reunión, abordouse a situación de carencia do servizo de atención pediátrica que sofre esta comarca e que afecta a 2.300. En opinión da deputada nacionalista, Noa Presas, esta situación é froito da mala xestión do goberno do PP na Xunta de Galiza e a súa mala planificación. “Non planificou o relevo da especialista que se xubilou e que non planifica tampouco a cobertura dos especialistas cando teñen unha enfermidade ou excedencia” denuncia Presas.

“O que pretende facer a Xunta é un parche. Non se poden cubrir dúas prazas do servizo de pediatría con media praza, compartida co barrio da Ponte da cidade de Ourense” recrimina a deputada do BNG.

18-F como ventá de oportunidade para unha Atención Pediátrica de primeira

Presas sinala que a “Xunta debe rectificar de inmediato para non empeorar o problema” e sinala o 18F como unha fiestra de oportunidade para mellorar a calidade do servizo da sanidade pública. “O 18F temos a oportunidade de decidir que modelo de sanidade queremos: se un goberno do BNG que poña a sanidade pública como prioridade ou o continuísmo do PP que seguirá estrangulándoa” asevera.