O Portavoz da Formación nacionalista Sarín Núñez, lembra que “foron varias as ocasións nas que, ao longo do presente ano, desde o BNG rexistramos iniciativas co obxectivo de que o Servizo de Bos Dias Cole sexa universal e dea cobertura a todas as familias solicitantes”.
No BNG recordan que no Pleno do pasado mes de abril, “presentamos unha pregunta na que se cuestionaba se o Concello tiña previsto incrementar o número de prazas ofertadas no servizo de Bos Días Cole, co fin de cubrir a totalidade da demanda existente entre o alumnado solicitante dos dous CEIPs do concello” e engaden, “a resposta foi que se estaba a estudar a posibilidade de aumentar as prazas para evitar que ningunha nena ou neno quedase fóra do servizo. Porén, a dia de hoxe non se ten concretado ningunha medida efectiva nesta dirección”.
Núñez advirte que a situación ameaza con repetirse, como xa aconteceu en cursos anteriores, nos que númerosas familias quedaron sen acceso ao Servizo. “Esta realidade está levando a moitas delas a procurar alternativas noutros centros educativos, como pode ser o Colexio Luis Vives, onde se ofrece gratuitamente durante o primeiro ano o servizo de madrugadores, comedor e actividades extraescolares”.
No BNG denuncian que esta situación xa está a ter consecuencias negativas na matrícula dos centros públicos do concello. Para o curso 2026-27 prevese unha matricula aproximada de apenas 10 alumnos e alumnas no CEIP Filomena Dato e 20 no CEIP O Ruxidoiro, datos que “deben alertar á Corporación municipal sobre a necesidade de reforzar os Servizos complementarios vinculados ao ensino público”.
O Portavoz Sarín Núñez demanda que “o Concello debe poñer enriba da mesa todos os recursos posibeis para garantir a cobertura deste Servizo ás familias que o precisen, motivo polo que solicitamos que a partida orzamentaria denominada Base 42ª dos Orzamentos municipais, relativa ás retribucións e indemnizacións dos membros da Corporación e a cal vai contar cun remanente importante, poida ser adicada ao aumento do persoal do Servizo “Bos días cole”.