O BNG apoiará calquera modificación de crédito encamiñada a paliar os efectos da crise económica
Así llo trasladou Rhut Reza, advertindo eso sí, de que non aceptarán a chantaxe de "aproveitar dita modificación para introducir, en lote, outras cuestións"
Na Xunta de Área de Política Social celebrada polo Concello de Ourense e ante a intención manifestada pola concelleira delegada, Eugenia Díaz Abella, de poder levar a cabo unha modificación de crédito que permita aumentar as partidas adicadas a emerxencia social, a concelleira do BNG Rhut Reza, amosoulle o apoio "total e absoluto" da formación nacionalista a dita modificación no caso de levarse a pleno.
Igualmente, Reza lembrou que "desde o inicio do mandato, o BNG apoiou modificacións de crédito por un valor total superior aos 100 millóns de euros grazas a que ditas partidas ían por separado", e advirte, "o que non ímos tolerar é que aproveitando a modificación de crédito para o aumento das axudas a emerxencia social se inclúan partidas que nada teñen que ver".
Rhut Reza facía esta advertencia en clara alusión á modificación de crédito de 62 millóns levada no seu día a pleno e que o BNG non puido apoiar xa que, "en contra do que o propio alcalde denunciaba no mandato anterior, levaron en lote partidas coas que estabamos de acordo pero misturadas con outras coas que para nada coincidimos".
Desde o BNG insisten, "neste contexto de profunda crise económica na que tantas familias o están a pasar cada día peor, apoiaremos calquera modificación de crédito que permita aliviar dita situación, máis xa lle advertimos á concelleira que as partidas vaian por separado e non en lotes".
Reza lémbralle á concelleira Eugenia Díaz Abella que "non pode botarlle á culpa a oposición de carecer de recursos nunha materia tan sensible como é a emerxencia social, son eles os que gobernan e os que a día de hoxe non presentaron nin tan sequera un proxecto de orzamentos", ao que engade, "foi o PP quen escolleu aos seus compañeiros de viaxe, non pode derivar a súa responsabilidade na oposición".
Por último, no BNG lembran a importancia que a día de hoxe tería para avaliar a situación de grave crise socia e económica e sobor de todo, para a toma de decisións, a mesa para a recuperación económica e social solicitada polos nacionalistas hai máis dun ano.