O BNG amósase radicalmente en contra da "reformulación" dos premios Cidade de Ourense e Vicente Risco
Os nacionalistas califican ao actual Goberno Local como destructor de todo o que toca e que ten especial inquina coa cultura. Consideran positivo que se pretenda crear un novo certame dirixido á mocidade máis non a costa de destruir dous dos máis prestixosos premios do país.
O último anuncio do Goberno Local do PP-DO de suprimir e unificar os Premios literarios Cidade de Ourense, un dos máis antigo de Galiza e Vicente Risco é, segundo o BNG, unha proba máis de que estamos ante un goberno que destrúe todo o que toca e que ten especial inquina e fixación pola cultura.
Lembran desde o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense que "estamos diante de dous dos certames literarios máis importantes do país". No caso do Cidade de Ourense acumula a nada desdeñábel cifra de trinta e sete edicións e o Vicente Risco vai xa pola vixésimosegunda.
Outro dos aspectos nos que indicen os nacionalistas é que en ambos casos as bases establecen que as obras participantes deben ser escritas en galego ou portugúes no caso do Cidade de Ourense, nun claro exercicio de achegamento ao mundo lusófono e en galego no caso do Vicente Risco, algo que segundo Luis Seara "renxe ao actual goberno PP-DO dentro da súa máis que evidente e demostrada galegofobia".
Desde o BNG consideran positivo que se pretenda crear un certame literario dirixido á rapazada mais non consideran que para iso "se teñan que eliminar dous dos certames máis importantes e prestixosos de todo o país".
No BNG tamén agardan coñecer a posición ao respecto do PP, quen forma parte do Goberno Local "mais parecen meterse debaixo da terra cando son cuestións que non lles interesan". Para Luis Seara, "non deixa de ser curioso que os que falan continuamente de que todo o que fan é por Ourense, calen ante este tipo de ataques á propia cidade e pola contra saian en tromba cando de defender ao PP se trata, agardamos atentos pola opinión de Flora Moure sobre esta cuestión".
Igualmente desde o BNG avanzan que tamén trasladarán o anuncio de hoxe ao Parlamento galego para saber se desde a Consellería de Cultura comparten a decisión adptada polo seu socio de goberno no Concello de Ourense.
Festa dos Maios
En relación co anuncio feito polo Goberno municipal de reorientar a festa dos maios mesmo coa queima dun deles na Praza Maior ao estilo "fallas", os nacionalistas lembran que estamos diante dunha festa cuio espírito é o ensalzamento e a ledicia por comezar o periodo estival e que para festas purificadoras xa temos o magosto ou o samaín.
Para o concelleiro Luis Seara, "estamos de novo ante o afán do Goberno PP-DO por desvirtuar unha festa propia e cunha ideosincracia particular para convertela nunha copia mala, neste caso das Fallas valencianas", ao que engade, "o autoodio, a iñorancia da cultura tradicional galega e o complexo de inferioridade do alcalde é abrumador".