O BNG amósase contrario á disolución do Consello Municipal de Deportes
Segundo o Portavoz do Grupo municipal do BNG Luís Seara, “con esta decisión o alcalde pretende amordazar á oposición e continuar coa súa xestión baseada na opacidade e no bordeo da legalidade”.
Diante do anuncio feito público por parte do Concello de Ourense e no que se anuncia a disolución do Consello Municipal de Deportes, desde o Grupo municipal do BNG amosan a súa disconformidade con dita decisión e non comparten os argumentos esgrimidos polo alcalde que, segundo o Portavoz dos nacionalistas Luís Seara, “o que tenta é xestionar o Concello de maneira opaca e sen rendir contas á oposición, tónica habitual desde que é alcalde. Estamos diante dunha persoa acostumada a non dar conta de nada do que fai e que bordea, cando non supera, sistemáticamente á legalidade vixente”.
Para Luís Seara, a decisión fundaméntase na “carraxe que lle produce a Jácome ter que rendir contas diante da oposición e polo tanto, diante da veciñanza. Pretende coartar o noso lexítimo dereito ao control e fiscalización da acción de Goberno”.
Desde o Grupo municipal do BNG defenden que “o CMD tense amosado como un instrumento moi válido pois o feito de ter autonomía funcional, orzamento propio e capacidade de decisión, permite axilizar os procedementos e sacar adiante proxectos que doutro xeito, levarían moito máis tempo”, e engade, “o obxectivo non é buscar unha maior operatividade senón acaparar o poder e limitar a capacidade da oposición”.
Luís Seara lánzalle unha proposta ao alcalde, quen aduce, entre as razóns para xustificar a disolución do CMD, aforrar o soldo extra no só aos políticos senón aos técnicos do Concello que cando van ás reunións do Consello reitor cobran por asistir, “se o problema son as dietas por asistencia, desde o BNG propomos a súa total eliminación, tanto para os membros da Corporación como para os técnicos que forman parte do Consello Reitor”.
No BNG inciden en que “é curioso que o alcalde, que forma parte do propio Consello Reitor e quen durante anos, cobrou de todo e canto sitio puido, agora empregue este feito como escusa”.
Por último, o Portavoz municipal do BNG pregúntase cal vai ser o posicionamento do PP xa que, “teñen dúas opcións, ou seguir permitíndolle a Jácome que faga e desfaga ao seu antollo sendo meras comparsas ou pórlle fin a semellante esperpento”.