O BNG alerta da precaria situación do Parque de Bombeiros do Concello de Ourense
O BNG denuncian que o Parque de Bombeiros está sen vehículos para o rescate en altura ao estar os dous camións escada inoperativos, co risco que iso supón en caso de emerxencia.
O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense denuncia que os profesionais do Parque de Bombeiros carecen dos vehículos necesarios para desenvolver rescates en altura. O motivo non é outro que o feito de que os dous camións escada dos que dispón o servizo atópanse neste momento inoperativos.
Segundo a formación nacionalista e tal e como asegura a concelleira Rhut Reza “a día de hoxe a autoescada atópase nun taller ao romperlle unha das bombas por falta evidente de mantemento e o camión autobrazo está tamén nestes momentos noutro taller, ambos ademais sen data de entrega”.
Para os nacionalistas estamos diante dun feito moi grave xa que segundo Reza, “en caso de que se produza unha emerxencia e haxa que efectuar un rescate en altura, os nosos bombeiros non contan con ningún vehículo para realizalo”, e engade, “este é un feito grave polo que supón para a seguridade da veciñanza no seu conxunto pero tamén para a dos profesionais que teñen que prestar o servizo”.
Pero o BNG enmarca esta situación, “que por desgraza xa ten acontecido noutras ocasións”, dentro da situación de precariedade na que se atopa actualmente un servizo tan importante como é o dos Bombeiros de Ourense xa que como ben relatan, “a día de hoxe o Parque segue sen Xefe, algo que dificulta enormemente o traballo diario do mesmo, non existe programación de tarefas diarias, programación para a formación continua, algo fundamental e moi necesario, nin tampouco un regulamento de rexime interno. A todo o anterior debemos engadirlle o estado no que se atopan as instalacións do Parque e por suposto a situación dos vehículos”.
No BNG recoñecen o traballo e as melloras introducidas nos últimos meses coa adquisición de material e de novos equipos así como que esté nestes momentos en proceso de licitación a adquisición dunha nova Autoboma Urbana Lixeira (BUL), máis entenden necesario abordar a situación do Parque no seu conxunto e darlle unha solución global, pasando mesmo pola construción dun novo e nunha nova ubicación.