Cultura

Baltar visita en Benposta a rodaxe da coprodución internacional "Motel Valkirias"

As produtoras galega e portuguesa CTV e SPi avanzan que seguirán apostando pola provincia de Ourense “como escenario privilexiado para o desenvolvemento da produción audiovisual"

Óscar Gómez

Ourense | 28.03.2022 09:39

Baltar visita en Benposta a rodaxe da coprodución internacional "Motel Valkirias" | onda cero

O presidente do goberno provincial Manuel Baltar visitou en Benposta a rodaxe da serie de televisión Motel Valkirias, unha coprodución internacional na que participa a Deputación de Ourense e que conta no seu reparto con coñecidas caras do cinema, entre elas o ourensán Chechu Salgado, que na recente gala dos Goya foi distinguido co premio ao mellor actor revelación por Las leyes de la frontera. Un escenario e unha presenza ourensán, sinala o presidente provincial, “que poñen fóra de calquera discusión o liderado de Ourense como provincia de cine”. Manuel Baltar foi recibido por Ghaleb Jaber Martínez, creador da serie e responsable de proxectos da produtora CTV, e Xosé Arias, director de CTV, cos que conversou acerca dos detalles da rodaxe, acompañados tamén polo propio Chechu Salgado e as actrices María Mera e Maria João Bastos, entre outros membros do equipo de rodaxe.

Ninguén dubida “nin dentro nin fóra de Galicia que este territorio é un escenario perfecto para as producións audiovisuais”, sinalou Manuel Baltar en Benposta remarcando que a aposta que a Deputación está a realizar por este sector “é un xeito de render homenaxe a todos aqueles que no seu momento fixeron unha aposta por vincular Ourense coa sétima arte, coa televisión e tamén coa gravación de vídeos musicais”.

Motel Valkirias, engadiu o presidente da Deputación, “visibilizará un territorio máxico como o noso, agora conectado co cine de alta velocidade -en referencia ao AVE- como un factor máis que decide ao noso favor para o mellor e máis rápido desprazamento de equipos técnicos e artísticos para rodar na provincia”. Vantaxes que se suman “á posta en marcha esta mesma semana da Ourense Film Commission, ademais da próxima edición, a número 27, do Festival de Cine de Ourense”.

En nome dos seus compañeiros e como anfitrión, Chechu Salgado expresou a satisfacción que supuxo rodar “nun lugar cunha historia e enerxía moi especiais como Benposta”. No seu último día de traballo nesta produción, Salgado asegurou estar “moi contento porque Ourense se estea a converter no plató de cinema que a todos nos interesa”.

Unha historia de “empoderamento feminino e superación persoal”

Motel Valkirias é un proxecto da produtora galega CTV e da portuguesa SPi e ten como directores a Álex Sampaio e Jorge Queiroga, este último responsable da rodaxe en Galicia. Ademais do apoio da Deputación de Ourense, conta coa participación da Televisión de Galicia e da Radio e Televisión de Portugal, Xunta de Galicia, Xacobeo 21-22 e a Cámara Municipal de Montalegre.

A serie, que será emitida na plataforma HBO, é unha comedia dramática con tinguiduras de thriller, que parte dunha premisa: “Que estarías disposto a facer para conseguir máis dun millón de euros?” Narra unha historia de “empoderamento feminino e superación persoal” a través das vivencias de tres mulleres con problemas económicos e persoais que se cruzan de forma fortuíta cun cliente no motel que dá nome á serie e que transporta unha valiosa mercadoría.

Con Motel Valkirias, as produtoras CTV e SPi “queren seguir exportando ao mundo o potencial de Galicia, neste caso da provincia de Ourense, e Portugal como escenario privilexiado para o desenvolvemento da produción audiovisual, tanto pola súa infraestrutura técnica e artística, como polas súas paisaxes e localizacións”

Catro rodaxes simultáneas

A coprodución galego portuguesa vai dar paso á rodaxe simultánea de catro películas en Ourense a partir de abril: O home e o can, dirixida por Ángel de la Cruz; 13 Exorcismos, de Bambú Films;, La manzana de oro de Jaime Chávarri; en xa en maio Honeymoon, que dirixirá Enrique Otero.

Unha circunstancia que non se dera antes, como puxo de relevo Manuel Baltar esta mesma semana durante a constitución co Comité Asesor da Ourense Film Commission, integrado por representantes do sector audiovisual galego e da propia Deputación, nun proxecto que ten como propósito fundamental situar á provincia como escenario de rodaxes audiovisuais e dar pulo ao retorno económico e cultural deste vencello co cinema.