Exposición

“O amante do papel” achega a Picasso, Dalí e outros grandes nomes da historia da arte

Rosario Sarmiento, detallou que a exposición está prantexada de “xeito cronolóxico e temático”: “O abano de artistas expostos é impresionante”

Óscar Gómez

Ourense | 12.05.2022 10:37

“O amante do papel” achega a Picasso, Dalí e outros grandes nomes da historia da arte | onda cero

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acollerá a exposición “O amante do papel”, que contará con gravados, debuxos ou litografías de artistas como Picasso, Rembrandt, Chagall ou Salvador Dalí. César Fernández salientou a relevancia desta mostra, composta con 43 obras “únicas no eido nacional e que forman parte das firmas máis recoñecidas da arte mundial”. Tampouco pasou por alto o vicepresidente provincial a importancia do momento no que se presentan estas obras, xa que “no Marcos Valcárcel convivirá a exposición dos Beatles e a exposición ‘O amante do papel’, reforzando o papel deste centro cultural como atractivo para achegarse a Ourense”.

Esta exposición está integrada por obras que por primeira vez son expostas ó público, como recalcou Rosario Sarmiento, que destacou a xenerosidade do coleccionista privado que durante “tantos anos leva formando esta inmensa colección”. Sarmiento sinala que a mostra é unha radiografía desta colección, “permitindo recorrer parte da historia da arte”. Nesta liña, “O amante do papel” está prantexada de xeito “cronolóxico e temático, buscando reflexar os grandes nomes da historia da arte” dentro dos seus eixos temáticos, dende a relixión, arquitectura, a “art nouveau”, o surrealismo…O abano de artistas é impresionante”, sinalou Rosario Sarmiento, quen tamén salientou a sintonía coa Deputación para artellar a mostra.

O director do Marcos Valcárcel, Francisco González, explicou que esta exposición é “moi especial” e agradeceu o traballo de Sarmiento: “Foi ela quen prantexou esta posibilidade, e a nós pareceunos magnífico. Esta mostra podería estar en calquera outro lugar do mundo pero está en Ourense”.

Un percorrido pola historia da arte

A exposición “O amante do papel” conta con pezas que forman parte dunha colección privada integrada por máis de 2.000 pezas cedidas para a súa exposición pola Deputación de Ourense.

A colección exposta mostra máis de corenta debuxos, gravados, litografías ou serigrafías realizadas por artistas como Pablo Picasso, Rembrandt, Durero, Marc Chagall, Rubens ou Toulouse-Lautrec e abarcan períodos dende o século XV ata o século XXI. Deste modo, nun mesmo edificio convivirán a exposición “Ao redor do universo Beatle", a maior e máis completa que se ten feito ata o de agora en España, e a mostra que mañá abrirá as súas portas, transformando así ó Centro Cultural Marcos Valcárcel nun punto de interese cultural de primeiro nivel, como recalcou o vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández.