Ourense Cidade

O alcalde demándalle ao goberno central que manteña a subvención para a Praza de Abastos

O rexedor solicitará unha cita no Ministerio para que non se perda unha das anualidades, que se viu comprometida polo retraso orixinado pola presenza de “ocupas” no recinto

Óscar Gómez

Ourense | 23.09.2020 12:43

Praza de Abastos | Concello de Ourense

O alcalde de Ourense, Gonzalo Jácome, demandaralle ao goberno central que manteña na súa totalidade a subvención comprometida para as obras de reforma e rehabilitiación da Praza de Abastos, logo de que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana lle remitise ao Concello un escrito no que deixa no aire o pagamento dunha das anualidades por un importe duns 600.000 euros.

O Concello de Ourense presentará alegacións ante esta comunicación e o alcalde, Gonzalo Jácome, solicitará unha entrevista no Ministerio para acadar unha solución satisfactoria para os intereses da cidade.

O alcalde deu conta destes feitos no Pleno do Concello que se celebrou esta mañá. Subliña sobre eles que “non teñen nada que ver coa xestión deste goberno municipal”, xa que a xestión do convenio foi anterior á súa toma de posesión como alcalde. De feito, lembra que durante a etapa de goberno do PP no Concello, desde Democracia Ourensá manifestara en repetidas ocasións a súa oposición a este proxecto, e que se finalmente o aprobou desde o goberno municipal foi por unha cesión ante os seus socios de goberno no marco das negociacións políticas que se producen nun goberno bipartito.

Documentación e trámites

O goberno central remitiulle ao Concello no mes de xuño un escrito no que lembraba que a data límite para xustificar que a primeira anualidade do convenio era o mes de outubro de 2020, avanzando que “en caso contrario non poderá aboarse a segunda anualidade prevista, tantas veces reaxustada e non aboada”.

En resposta, o Concello remitiu o día 29 de xullo a documentación que dá conta do estado actual das obras e as causas que orixinaron o retraso na súa execución, nomeadamente a ocupación de locais da Praza de Abastos por persoas non autorizadas, que foi preciso desaloxar.

Tras analizar esta documentación, e malias as explicaciós dadas polo Concello, o Ministerio comunica que non é factible ampliar a prórroga, máis alá do cómputo dos días hábiles que se sucederon entre os días 14 de marzo e 1 de xuño (datas nas que, como consecuencia da pandemida da COVID-19, se suspenderan os prazos para os procedementos das entidades do sector público a causa da pandemia, en aplicación do Real Decreto 463/2020).

O Concello de Ourense presentará alegación a este escrito, ao tempo que alcalde solicitará unha entrevista no Ministerio para demandar que a subvención comprometida para a reforma do mercado se manteña na súa totalidade.

Cargando...