O PP acerca posturas co Psoe para formar un goberno na cidade
O presidente local dos populares, Jesús Vázquez Abad, remitiu unha carta en nome dos populares da cidade, coa fin de “iniciar unhas conversas leais que poidan conducir a conformación dun goberno de coalición na cidade de Ourense"
O Partido Popular da cidade de Ourense vén de remitirlle por escrito, unha proposta ao presidente da xestora da Agrupación Local do PSdeG-PSOE (Adolfo Pérez Abellás), con copia ao secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero Míguez, para iniciar esta mesma semana as conversas coa fin de acadar un goberno de coalición PSOE-PP para a cidade de Ourense.
Tal e como pon de manifesto o escrito, asinado polo presidente local dos populares ourensáns, Jesús Vázquez, o obxectivo é “iniciar unhas conversas leais que poidan conducir a conformación dun goberno de coalición na cidade de Ourense. Esta, a de conformar un goberno de coalición, é a condición previa e indispensable para acadar a estabilidade que precisa a gobernabilidade da terceira cidade de Galicia”.
Jesús Vázquez argumenta na misiva dirixida aos máximos responsables do socialismo galego e local que, desde o pasado mes de outubro, “a nosa formación política reiterou en múltiples ocasións a súa disposición a formar un goberno de coalición co PSdeG-PSOE na cidade de Ourense. E deixamos claro que este goberno non podía estar liderado polo sr. Villarino, nin directamente, nin por suposto tampouco a través dunha persoa interposta”.
Se o ofrecemento público que fixo o sr. Villarino foi sincero e supón un afastamento real e serio da vida política municipal, que pasaría pola renuncia a súa acta de concelleiro, os populares da cidade anuncian a súa disposición, que conta co visto e prace das direccións autonómica e provincial, a celebrar unha xuntanza o vindeiro venres, nun lugar a convir por ambas formacións políticas.
É evidente que a situación política no noso concello é mellorable. Mais é posible atoparlle unha solución que aporte estabilidade e confianza a Ourense: articulando un goberno de coalición PSOE-PP. “Agardamos que o esforzo de xenerosidade que está a facer o Partido Popular e que tamén amosaremos nas reunións que poidamos manter no futuro, sexa tamén compartido polo PSdeG-PSOE”, sinala Vázquez Abad.
“Quedamos, pois, á espera da resposta por parte do PSdeG que non recibimos nos últimos meses: Se están dispostos a aceptar a posibilidade dun goberno de coalición co PP para Ourense”, conclúe o presidente local dos populares ourensáns.