Cultura

Abre o prazo de inscrición para matricularse na Escola Provincial de Danza

O curso 2023-24 dará comezo o 2 de outubro para as actividades de Baile, Pandeireta e Canto, así como de Gaita para acompañamento de grupos de baile. Tamén comezará o Obradoiro de Tecido Tradicional.

Óscar Gómez

Ourense | 19.09.2023 08:43

Abre o prazo de inscrición para matricularse na Escola Provincial de Danza | onda cero

A Escola Provincial de Danza do CCP Xaquín Lorenzo da Deputación de Ourense abre a matrícula para o curso 2023-24. As clases comezarán o luns 2 de outubro para as actividades de Baile, Pandeireta e Canto, e de Gaita para acompañamento de grupos de baile, así como o Obradoiro de Tecido Tradicional.

As clases organízanse en grupos segundo idade e nivel, de luns a venres, de 17.30 a 21.00 horas, e poden participar todas as persoas maiores de 5 anos unha vez realizada a matrícula que continuará aberta durante o mes de outubro ata cubrir as prazas dispoñibles.

Para formalizar a matrícula será preciso recoller o formulario de inscrición no local da Escola de Danza situado no Centro Comercial “As Lagoas”, na praza Daniel González, pagar as taxas correspondentes e cubrir unha ficha cos datos persoais, acompañando unha fotografía.

Para máis información poden chamar ao teléfono 988317880 ou no correo electrónico ccpescoladanza@depourense.es

Obradoiro de Xogos Populares

O Obradoiro de Xogos Populares tamén abre a inscrición para os centros educativos públicos de Ourense. Ao igual que en edicións anteriores, este programa leva aos rapaces de toda a provincia actividades lúdico-educativas vinculadas coa cultura tradicional. Dende o CCP Xaquín Lorenzo envíase a todos os centros a ficha de inscrición e a programación deste obradoiro para que poidan cursar a súa solicitude a través do Rexistro da Deputación de Ourense.