Cultura

8ª edición das xornadas AstroTrevinca no concello da Veiga

O Centro Astronómico Trevinca acollerá do 23 ao 25 de setembro un amplo programa para afeccionados e profesionais que inclúe observacións, conferencias e mesas redondas a cargo de destacados expertos.

Óscar Gómez

Ourense | 14.09.2022 09:46

8ª edición das xornadas AstroTrevinca no concello da Veiga | onda cero

O concello da Veiga converterase de novo en punto de referencia da divulgación científica coa celebración, do 23 ao 25 de setembro, da 8ª edición de AstroTrevinca. Unhas xornadas que, co apoio da Deputación, regresan ao Centro Astronómico Trevinca -logo de dous anos de ausencia pola pandemia- cun amplo programa de actividades para afeccionados e profesionais que inclúe observacións, conferencias e mesas redondas a cargo de destacados expertos.

O vicepresidente aplaudiu unha iniciativa “que ano tras ano congrega a un bo número de amantes da astronomía”, agradecendo ao rexedor e mailo director do centro a súa contribución para situar “o noso territorio á vangarda de todo o que ten que ver coa investigación astronómica e co goce dun dos mellores ceos do mundo”.

Juan Anta agradeceu á Deputación e á Xunta de Galicia que “confiaran desde o inicio no proxecto de creación na Veiga dunha potente estrutura para observar e investigar desde o mellor ceo do noroeste peninsular”. Un centro astronómico, engadiu, “que nos fixo referentes dun turismo sostible, diferente e desestacionalizado”, destacando a repercusión que esta a ter no concello. Nesta liña destacou que as actividades que realiza o centro estiveron completas durante os meses de xullo e agosto, cada vez con maior demanda de colexios e grupos, “tendo previsto para este inverno, coa colaboración da Deputación, a celebración de campamentos xuvenís”.

Exportar cara o resto do mundo “a calidade deste ceo”

“Desde as primeiras xornadas para afeccionados, agora gaña peso a presenza de profesionais”, dixo pola súa banda Óscar Blanco, lembrando que xa son dez anos de actividades aínda que só sexan oito as edicións por culpa da pandemia. Para esta edición están programadas conferencias, sesións no planetario do centro astronómico, observacións nocturnas e diúrnas, visitas guiadas e mesas redondas. Contarán coa participación de destacados expertos que contarán os seus proxectos, citando entre eles ao físico e divulgador científico Jorge Mira; a astrofísica Minia Manteiga, catedrática da Universidade da Coruña; ou Ramón Iglesias, do Centro de Estudios de Física del Cosmos de Aragón.

As xornadas, apuntou Blanco, rematarán cunha actividade na que os asistentes poderán coñecer a hospedaxe de telescopios situada ao carón do centro e propiedade de Trevinca Skies, onde persoas procedentes de Alemaña, Suecia, Lituania, Países Baixos, Bélxica e proximamente Estados Unidos teñen instalados os seus aparellos para o estudo astronómico, “o que supón un gran prestixio para A Veiga, para a provincia de Ourense e para Galicia, exportando cara o resto do mundo a calidade deste ceo”.