Os 15 novos autobuses térmicos comezarán a circular a finais da vindeira semana
A empresa Scania entregou os vehículos, carrozados por UNVI, que entran en fase de avaliación por parte do Concello, proximamente chegarán outros 10 vehículos eléctricos e 15 minibuses
Os novos autobuses térmicos adquiridos polo Concello de Ourense para renovar o servizo de transporte urbano xa están na cidade. Esta mañá tivo lugar a entrega ao Concello dos 15 novos vehículos, que desde finais da vindeira semana comezarán a incorporarse de forma progresiva (un ou dous cada día) ao servizo municipal. Os autobuses iniciarán desde hoxe unha fase de proba e avaliación. No caso de que esta sexa positiva, o Concello procederá á súa recepción definitiva.
Son 15 unidades de autobús térmico, con motor de tecnoloxía diésel, que cumpren coa norma Euro VI Step relativa ás emisións, e tipoloxía de piso baixo continuo de 11,30 metros de lonxitude, completamente equipados. Os vehículos son subministrados pola empresa Scania Hispania, S.A., adxudicataria do contrato, por un importe total de 4.428.443 euros, e foron carrozados pola firma ourensá UNVI.
Os 15 autobuses forman parte da renovación da flota do servizo municipal, na que se inclúe tamén a incorporación, durante as próximas semanas, doutros 10 autobuses eléctricos e 15 minibuses. Os eléctricos serán subministrados por UNVI Carroceros, adxudicataria do contrato por importe de 6.958.748,11 € IVE incluído. Son unidades con propulsión eléctrica, e tipoloxía de piso baixo continuo, de 12 metros de lonxitude, completamente equipados. A continuación chegarán os 15 minibuses, que subministrará a empresa Mobility Bus Spain, adxudicataria do contrato polo importe de 2.648.175 euros. Son vehículos con motor de tecnoloxía diésel que cumpren a norma Euro Step E, con tipoloxía de piso baixo até o segundo eixe de 7,8 a 8,5 metros de lonxitude, completamente equipados.