Máis de 112.000 clientes de toda Galicia descargaron xa o Bono Activa Comercio en pouco máis de 24 horas (onte foi o primeiro día no que puideron solicitarse estes descontos), mentres que o número de comercios adheridos supera os 4.500. Os bonos, en formato de código QR, poden descargarse a través do móbil na web bonosactivacomercio.gal, onde tamén poden sumarse ata o 30 de novembro novos establecementos comerciais. Heredia, que estivo acompañado por representantes da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo (Acisa), lembrou que esta iniciativa busca impulsar as compras no comercio de proximidade, atraendo clientela aos establecementos locais. Ao mesmo tempo, contribúese a aliviar o impacto da inflación na capacidade de gasto dos fogares galegos.
A principal novidade deste ano é a ampliación de tramos de desconto e os importes. Así, o desconto é de 5 euros para compras a partir de 20 euros e inferiores a 30 euros; 10 euros para compras desde 30 euros e inferiores a 50; e de 15 euros se superan os 50 euros de compra.