O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, supervisou no colexio CEIP Carlos Casares, no concello de Xinzo de Limia, o programa piloto de vacinación infantil fronte á gripe coa vacina intranasal nos centros educativos. Unha campaña de vacinación infantil que este ano, de xeito pioneiro, tamén inclúe aos nenos e nenas desde os 6 meses ata os 11 anos, o que supón aproximadamente 215.000 persoas en Galicia.
O delegado territorial, explicou que as consellerías de Sanidade e de Educación, Ciencia, Universidade e FP, puxeron en marcha un programa piloto de vacinación antigripal por vía intranasal en 10 centros educativos da provincia de Ourense co que se busca chegar a máis de 2.700 nenos e nenas de entre 3 e 11 anos.
Tamén lembrou que nos colexios seleccionados se está a facilitar a vacinación de forma voluntaria aos alumnos de 4º, 5º e 6º de educación infantil e de todos os cursos de educación primaria. Deste xeito preténdese acadar unha cobertura do 70 % entre os nados entre 2014 e 2022. Nesta liña, aclarou Manuel Pardo, que en función das coberturas de inmunización acadadas, a Xunta avaliará a extensión do proxecto piloto ao resto de centros escolares en futuras campañas de vacinación.