Deputacion Ourense

Manuel Baltar participa na reunión da xunta de goberno da FEMP

Entre os temas figuran os relativos ao ámbito financeiro das entidades locais, vivenda, servizos sociais, igualdade, violencia de xénero, desenvolvemento sostible e transporte público

ondacero.es

Ourense | 30.01.2019 09:07 (Publicado 30.01.2019 09:06)

Reunión da FEMP | deputacion de ourense

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe en Madrid na reunión da xunta de goberno da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), na que se analizaron as propostas de emendas que a FEMP presenta ao proxecto de lei de Presupostos Xerais do Estado para 2019. En total, son 23 emendas, referidas a Facenda, Fomento, Política territorial e función pública, Transición ecolóxica, Cultura e Deporte, Igualdade, e Servizos Sociais.

O maior número de emendas son as relativas ao ámbito financeiro e tributario das entidades locais e provinciais, con aspectos como o teito de gasto, investimentos, medidas de apoio a entidades locais con problemas financeiros, participación nos tributos do Estado e réxime de endebedamento das entidades locais. A emenda de Fomento é a relativa á nova achega do Estado á FEMP para o financiamento de actividades para rehabilitación e acceso á vivenda; e sobre política territorial, a FEMP fai fincapé nos fondos de financiamento para os municipios.

En canto a Transición ecolóxica, a emenda da FEMP fai referencia á nova achega do Estado para o financiamento do convenio para promover a conservación da biodiversidade e da rede de gobernos locais “Biodiversidad”, mentres que en Cultura e Deporte, as emendas céntranse, por unha banda, no convenio marco entre o Consello Superior de Deportes e a FEMP, e por outra no financiamento de actividades que contribúan á protección do patrimonio histórico.

No que atinxe a Igualdade, a emenda neste ámbito refírese á creación da Oficina técnica de apoio local en materia de violencia de xénero, no marco das competencias das entidades locais no Pacto de Estado contra a violencia de xénero, mentres que no que atinxe a sanidade e benestar social, a FEMP incide no desenvolvemento de programas dirixidos á mocidade no ámbito local. Finalmente, a emenda número 23 da FEMP refírese

á dotación destinada ás corporacións locais para cofinanciar os servizos de transporte público colectivo urbano.

A xunta de goberno da FEMP tamén tratou hoxe temas referidos á central de contratación e aos convenios subscritos pola federación co Consello de Transparencia e Bo Goberno, coa Fundación Mujeres, e coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento.