Folión Castrexo en Castromao (Celanova)
Recreación histórica nun castro
Ourense |
Celanova viaxará este fin de semana ao pasado co gallo da celebración do Folión Castrexo. A festa, que recrea o pacto asinado no ano 132 d.C. entre os coelerni e as tropas romanas e que tras un parón foi recuperada o ano pasado, volverá tomar as rúas e prazas de Celanova e o contorno de Castromao nun ambiente festivo e de convivencia, nunha fin de semana na que volverá coincidir co Festival Lembranza Ibérica.
O sábado 8 de agosto será o día grande coa xuntanza dos clans e da lexión romana no centro histórico de Celanova pola mañá. Ás 12.00 horas está prevista a representación da sinatura do pacto entre castrexos e romanos na Praza Cervantes e, ao remate, subida a Castromao, onde terá lugar unha xornada de confraternización coa comida castrexa e as II Olimpíadas Castrexas, con xogos como o corno, o lanzamento de cepo, a cadeira da raíña ou a corda para os adultos, e a carreira de tronco, lanzamento de sandalia e pelexa de sacos para os máis cativos.
A baixada de Castromao está prevista para as 19.15 horas. A Praza Maior será o escenario onde se produza a recepción dos clans e a entrega do premio ao clan campión, antes da cea dos clans e o IV Festival Lembranza Ibérica. A xornada festiva contará coa alborada de Vilatuke pola mañá e a batucada de Bloco Trifulka pola tarde-noite, quedando convidados os clans a levar a súa propia percusión.
O venres na Alameda
A programación do evento, organizado polo Concello en colaboración cun grupo de veciños da vila, comezará o venres coa Castrexiña, o desfile polas rúas da vila de todos os nenos e nenas que desexen participar, debendo ir acompañados dun adulto e vestidos de castrexos. Unha das novidades de esta edición será a xuntanza do venres pola noite. A partir das 23.00 horas está prevista a xuntanza dos clans castrexos e romanos na Praza Cervantes e o Claustro Barroco, quedando ás 23.30 horas na Alameda para o recibimento do xefe castrexo e a lexión romana e a recollida do pacto, e o sorteo das Olimpíadas Castrexas.
A organización quere subliñar que algunhas das premisas desta festa son lembrar a nosa historia e transmitir a importancia do respecto e o coidado polo noso patrimonio (o evento desenvólvese no propio contorno do xacemento do BIC de Castromao). Unha celebración recuperada co fin de tecer comunidade e desfrutar dunha xornada familiar.
A ourensá Susana De La Iglesia Cid é a autora do cartel desta edición, que foi presentado na Praza Cervantes da man de Javier Da Silva e a concelleira de Festas do Concello de Celanova, Yennys Montero. A moza ourensá, que quixo plasmar no seu traballo a unión e a confraternidade do evento –e a orixe da propia festa en si mesma–, estaba moi contenta e emocionada por ser a elixida. “Moi contenta, emocionada. Non mo esperaba. Espero que vaia xenial e espero vir”, dixo.