Laboral

Descende o paro en Ourense en Outubro contra a tendencia de Galicia

En cambio baixan os cotizantes á seguridade social

Paco Sarria

Ourense |

Una de las oficinas del Servicio Público de Empleo Estatal | EFE

O paro descendeu na provincia de Ourense en 127 persoas situándose a cifra de desemprego actual nas 13.775 ; un 0,91% menos que en setembro.

Dase a circunstancia de que somos a única provincia galega con esta tendencia decrecente, indo tamén cotracorrente en relación cos datos estatais que reflicten un incremento do número de parados.

En cambio a afiliación á Seguridade Social decreceu en 468 persoas, situándose en 108.714, dos que 83.000 están no réxime xeral e máis de 22.000 son autónomos.

Para sindicatos como CCOO a nosa provincia precisa algo máis de turismo para ter un emprego de calidade, apostando tamén pola industria ou polos servizos de alto valor engadido, como declarou en Onda Cero a secretaria comarcal deste sindicato, Dorinda González.

O mesmo sindicato informou de que o mes pasado foron aboadas na provincia 9358 prestacións por desemprego, das que a metade foron subsidios e unhas 4000 pensións contributivas.

Outros sindicatos como a UXT consideran positiva a evolución do emprego, anque creen que hai marxe para a mellora.

Para elo demandan incidir na mellora das políticas públicas activas de emprego, reforzar a protección do contrato de traballo e continuar a senda da mellora salarial.

Á súa vez a Xunta de Galicia valorou no seu conxunto que a nosa comunidade acadou o mellor outubro en afiliacións con máis de un millón cen mil cotizantes e o paro máis baixo dun mes de outubro.