Ourense |
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou esta tarde a explotación gandeira de Javier Fernández, situada en Vilariño de Conso e a cal se viu afectada pola vaga de lumes do pasado mes de agosto. Alí, lembrou o apoio do Goberno galego ás explotacións que sufriron danos polos incendios rexistrados no mes de agosto, tanto agrícolas, gandeiras como forestais..
Concretamente, explicou a conselleira, esta granxa que conta con 46 cabezas de gando bovino, sufriu unha perda de pastos e varios peches da gandaría. A maiores, foi unha das beneficiarias do reparto de alimento para o gando que se puxo en marcha desde a Consellería para axudar ás explotacións en plena vaga de lumes. En total, repartíronse 25 pacas; 70.000 kg de penso en taco; 23.000 kg de penso granulado; 3.048 rolos de herba seca; 28 tráileres de herba seca e 5 tráileres de palla para explotacións de 15 concellos de Ourense e Pontevedra, entre eles o de Vilariño de Conso.