O Concello adxudica o servizo de teleasistencia, que prestará atención gratuíta permanente a 250 maiores da cidade que viven sós
O goberno municipal investirá neste servizo 60.000 euros anuais.
A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou a ordenación das ofertas presentadas para a contratación, por procedemento aberto, do servizo de teleasistencia domiciliaria, que presta atención permanente e gratuíta a máis de 240 persoas maiores que viven na cidade. Un servizo que na actualidade financia integramente o Concello, que destinará a esta finalidade 60.000 euros anuais.
A empresa Eulen Servicios Sociosanitarios presentou a mellor oferta, á vista das valoracións realizadas polos servizos técnicos municipais desde o punto de vista técnico e económico. Por este motivo, no acordo desta mañá, o Concello require a esta empresa a que presente a documentación necesaria para formalizar o contrato, que terá unha duración de 12 meses, prorrogable ata o 31 de decembro de 2015.
Atención gratuíta e ininterrumpida
A teleasistencia domiciliaria é un servizo de atención telefónica ininterrumpida a persoas maiores que viven soas nos seus fogares, dotado cun equipamento de comunicacións e informática específicos. O sistema consta dunha unidade de alarma que leva o usuario ou usuaria, un terminal telefónico e unha central informatizada, receptora de chamadas, situada no centro de atención.
O servizo ten como finalidade proporcionar unha resposta rápida de xeito que, o usuario ou usuaria, con tan só premer un botón, poda poñerse en contacto co centro de atención, atendido por persoal cualificado, que dé resposta ante situacións de emerxencia, soidade e illamento.
O servizo préstase durante as 24 horas do día, durante os 365 días do ano e se complementará cun servizo de axenda-recordatorio de determinadas tarefas: control de tratamentos crónicos e consultas médicas e sociais.
Máis de 31.000 persoas maiores de 60 anos viven na cidade
A teleasistencia é un servizo anteriormente cofinanciado pola Administración Central, e que dende o ano pasado ten que financiar integramente o Concello de Ourense. Trátase dunha prestación fundamental nunha cidade na que o 29,8% da poboación é maior de 60 anos (31.926 persoas). A 31 de decembro o número de usuarios do servizo de teleasistencia domiciliaria en Ourense ascendía a 245 persoas.