Pontevedra |
A edil de Promoción económica, Anabel Gulías, anunciou a apertura de inscricións para poder participar nun dos concursos gastronómicos máis recoñecíbeis da Boa Vila. «A súa volta vén da man dun consenso coa hostalaría á hora de poñer as novas datas», explicou. Así, Pontedetapas, logo de diversas reunións co sector, celebrarase entre o 13 e o 27 de novembro. «O obxectivo desta actividade é desestacionalizar dalgún xeito a oferta e favorecer o consumo entre semana nunha época teoricamente baixa para a hostalaría».
Os bares e restaurantes participantes poderán presentar unha creación a tres modalidades, pero mantendo a obrigatoriedade da utilización de produtos e materias primas de calidade da gastronomía galega. Así, poden aspirar a alzarse co premio á mellor tapa tradicional —aquela inspirada nas receitas máis arraigadas e significativas da nosa gastronomía—, á mellor trapa creativa —á máis orixinal e innovadora en sabores, presentación, técnicas empregadas…—, e ao mellor cóctel.
Ademais, de entre todas as tapas e cócteles presentados, o público outorgará mediante votación popular o premio Tapa Pontevedra á proposta que máis represente a esencia da nosa cidade no sabor, no aroma, nos produtos empregados… A Tapa Pontevedra será a que compita en “De tapas por Galicia”, o certame promovido por Turismo de Galicia para escoller o mellor petisco da Comunidade entre os gañadores dos concursos de tapas das sete grandes cidades galegas.
O prezo das tapas será o mesmo que nas edicións pasadas, feito que a edil quixo agradecerlle ao sector. Pontedetapas está aberto aos establecementos de hostalaría do ámbito municipal de Pontevedra que queiran participar. A cota de inscrición é de 60 euros por local e o prazo permanecerá aberto ata o 17 de outubro.