Pontevedra |
As Bodegas Martín Códax, en Cambados, acolleron este mércores 24 de abril a festa de finalistas dos 11º Premios Martín Códax da Música. A partir das seis e media da tarde foron nomeándose as corenta e cinco bandas e artistas, tres por categoría, que pasan á recta final da edición 2024, tras a votación do xurado profesional. Foron desvelados ademais os nove proxectos finalistas nos tres Premios Organistrum: Salas, Festivais, e Comunicación e Difusión Musical. Tamén, os artistas seleccionados na categoría máis noviña dos premios, a de Artista Emerxente, instaurada en 2022 e na que este ano son finalistas Leria, Mondra e Gloria Pavía. Cincuenta e sete proxectos recolleron un agasallo das Bodegas Martín Códax en recoñecemento da súa inclusión na fase final de votación. A partir do 25 de abril e ata o 12 de maio, as socias e socios de Músicas ao Vivo poden votar os seus favoritos e, como gran novidade desta 11ª edición, o público xeral.