Pontevedra |
Este mércores, Lores tamén recollerá a Medalla do Comité Olímpico Español, en Madrid, acompañado do xefe do servizo de Deportes, Jaime Agulló O Public Value Fest entregoulle ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores a Chave do valor público. A cerimonia de entrega celebrouse a primeira hora da mañá, xusto antes de expoñer e amosarlle ao público presente a transformación urbana que se vén realizando na cidade do Lérez ao longo das últimas décadas. O premio amosa o interese que segue a espertar Pontevedra no mundo e no urbanismo internacional, podendo compartir espazos de primeiro nivel, con algúns dos grandes nomes deste eido, coma Carlos Moreno, galardoado neste mesmo congreso. A organización do evento quixo destacar «a relevancia e o impacto do proxecto de Pontevedra na súa comunidade», xa que funcionou de xeito literal «como unha chave para abrir a porta do valor público». «O alcalde de Pontevedra pasou de ser o médico de distintas persoas, ao médico de toda unha cidade co obxectivo de curala das súas doenzas». O rexedor pontevedrés tentou achegar as claves dun modelo que pon as persoas no centro e que continúa a mudar a cada día que pasa, adaptándose e adiantándose aos retos e necesidades do futuro. A inclusión da velocidade 30 e 10 qm/hora, os pasos de peóns elevados, a posta en valor do espazo público como punto de encontro, a accesibilidade universal… son algúns dos elementos que Fernández Lores citou durante o seu relatorio, como exemplos de medidas que funcionaron para que Pontevedra sexa o que é hoxe: unha cidade na vangarda. Este mércores, 27 de maio, o rexedor ten previsto recoller a Medalla do Comité Olímpico Español, en Madrid, acompañado do xefe do servizo de Deportes, Jaime Agulló.