A LXVI Romaría Vikinga de Catoira medra en cantidade e calidad cunha programación cultural única
A edición deste 2026 incorpora a exposición fotográfica ‘Vikingos de Catoira. Retratos dunha tradición viva’, reforza a profesionalización do VikingDrama e mantén a aposta polos grandes concertos de balde
A Romaría Vikinga de Catoira volverá demostrar este ano que continúa evolucionando sen perder a súa esencia. Esa foi a principal mensaxe lanzada hoxe durante a presentación oficial da programación da festa, na que o alcalde Xoán Castaño e o concelleiro de Cultura Raúl Gómez destacaron que a LXVI edición deste 2026 “segue a medrar en cantidade e en calidade”, consolidando o novo estilo deste goberno local que mestura tradición, cultura, música, patrimonio e participación veciñal.
O concelleiro de Cultura Raúl Gómez explicou que a evolución responde ao traballo realizado nos últimos anos para enriquecer a programación con novas propostas sen alterar os piares que converteron a romaría nun referente internacional. “Desde que iniciamos esta etapa deste goberno fomos dando pequenos saltos de calidade e tamén de cantidade. Mantemos o que funciona, como o desembarco ou a programación musical, pero cada ano incorporamos novos elementos con potencial para que quen nos visita e tamén a nosa veciñanza teñan cada vez máis motivos para vivir a romaría”, sinalou.
Entre as principais novidades desta edición destaca a exposición fotográfica 'Vikingos de Catoira. Retratos dunha tradición viva', realizada expresamente para esta edición pola fotógrafa catoirense Nuria Atanes, unha mostra que pretende render homenaxe ás persoas que fan posible a festa e, ao mesmo tempo, poñer en valor o talento creativo existente no propio municipio. “Queremos reivindicar que Catoira non só ten un escenario único como as Torres do Oeste ou o desembarco, senón tamén unha enorme capacidade creativa e artística que merece ser protagonista”, destacou Gómez.
A programación manterá a estrutura consolidada nos últimos anos, incorporando melloras en diferentes ámbitos. Abrirase o domingo 26 de xullo coa Ruta BTT Vikinga e o torneo de xadrez Viking Rise, dúas actividades xa plenamente integradas na programación e que reúnen máis de medio milleiro de participantes. Nos días seguintes celebraranse o VikingFilm, co cinema ao aire libre; unha nova edición do VikingDrama, que este ano presenta a obra ‘Torres que resisten’ cun novo modelo de produción que reforza a súa profesionalización; e a programación infantil da ‘Vikinguinha’ do luns, que continúa ampliando actividades para garantir a participación da rapazada na festa. Tamén se abrirá no centro da vila o mercado medieval vikingo, novidade deste mandato.
O apartado musical co VikingMusic volverá ser un dos grandes atractivos. O venres actuarán Fillas de Cassandra en formato dúo antes do pregón e da última representación teatral. O
sábado celebrarase o tradicional Xantar Vikingo, seguido da actuación do DJ internacional SoloViking, para dar paso pola noite ao gran concerto da edición, protagonizado por Mondra, 9Louro, Dakidarría e Lisdexia, grupos de referencia no panorama musical galego actual.
O domingo chegará o momento máis esperado coa recreación do desembarco viquingo nas Torres do Oeste. Raúl Gómez explicou que o Concello continuará apostando por un desembarco “ordenado, vistoso e espectacular”, cun intenso traballo previo de ensaio para coordinar a participación dos centos de viquingos e viquingas. “Queremos que quen participa o pase ben, pero tamén ofrecer un espectáculo cada vez máis atractivo para os milleiros de persoas que nos visitan. Este ano, ademais, teremos a fortuna de coincidir coa marea alta, o que permitirá que os drakkars cheguen practicamente ata a beira, facendo o desembarco aínda máis espectacular”, destacou. Os concertos do domingo do VikingMusic serán os de Treixadura e O Sonoro Maxín.
A programación pecharase o luns, festivo local en Catoira, coa xornada da Vikinguinha especialmente dedicada ás familias, que incluirá espectáculos infantís e un concerto teatralizado da Banda de Música de Catoira con Cris Collazo e Josito Porto.
Pregoeiras, as piragüistas María Pérez e María Fernanda Constantino
Pola súa banda, o alcalde, Xoán Castaño, incidiu en que o obxectivo do Concello é construír “unha romaría para todas e todos”. Explicou que a intención é que toda Catoira se implique na festa, tamén desde as parroquias, onde se incrementará a ornamentación festiva. “A nosa intención é seguir mellorando de maneira sostible, facendo crecer a romaría en calidade sen perder a súa identidade”, afirmou.
O rexedor destacou tamén a importancia de continuar poñendo en valor o talento local. Nese sentido anunciou que o pregón deste ano renderá homenaxe ás piragüistas María Pérez e María Fernanda Constantino, pioneiras do piragüismo feminino e auténticas embaixadoras de Catoira durante décadas.
Finalmente, Castaño avanzou que o Concello traballa para que durante esta edición poida estrearse a nova iluminación artística das Torres do Oeste, recentemente instalada dentro das actuacións de mellora do conxunto monumental.
“O ano pasado unha veciña díxome que sería imposible superar aquela Romaría. Non sabemos se seremos capaces de facelo, pero desde logo imos poñer todo o esforzo para igualala ou mellorala. Ese é o compromiso co que traballamos cada ano”, concluíu o alcalde, convidando á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nunha edición que volverá converter Catoira na capital viquinga do mundo.
Na presentación estivo presente o delegado territorial da Xunta, quen puxo en valor a axuda económica directa do goberno galego á festa, así como o investimento realizado para mellorar a contorna das Torres do Oeste da man do Concello.