Lores: «Este primeiro ano sentamos as bases do que pode ser un dos meus mellores mandatos como alcalde»
O alcalde de Pontevedra organizou un almorzo informativo para ofrecer unha valoración do primeiro ano deste novo mandato municipal.
Pontevedra |
O alcalde iniciou a súa intervención lembrando as palabras, literais, que ofreceu nas primeiras declaracións tralos resultados das eleccións municipais: «Estes resultados mándanme un recado: os pontevedreses queren que o faga mellor, e eu tomo nota e vou tentar facelo cada vez mellor. En política o importante é aprender dos erros, co obxectivo de corrixilos e, no noso caso, mellorar a vida dos pontevedreses. Deste xeito, tomamos distintas decisións», explicou, para logo sinalar a súa insatisfacción co funcionamento do Goberno anterior, ao existir unha serie de disfuncións que tiñan que ver coa descoordinación entre servizos e unha falta de seguimento na execución dos proxectos, o que facía que se eternizasen. «Creo que o mellor xeito de explicalo e coa metáfora do acordeón, que como sabedes cando se estira moito ou cando se aperta moito non produce ningún son», sintetizou. Esa dispersión ou falta de priorización trouxo consigo unha primeira decisión no mandato por parte do alcalde como foi a de poñerme ao fronte «e abrir un tempo novo». «Como sabedes, asumín a portavocía do Goberno por primeira vez en 24 anos, e tamén mudamos o xeito de funcionar nas Xuntas de Goberno como un organismo de control e seguimento eficaz dos asuntos de impulso».
Dos aspectos e elementos que configuraron este primeiro ano de mandato, o alcalde subliñou os asuntos relacionados con Costas. «Planteime en Madrid para negociar coa vicepresidenta do Goberno central proxectos como o vial de Mollavao (finalmente desatrancado e que abre as portas a reforma integral de Rosalía de Castro), a continuación do paseo cara Marín, as xunqueiras, a enseada de Ulló…».
Doutra banda, Lores lembrou que «foi un ano complicado». «Por primeira vez, en 25 anos, tiven que recorrir a unha cuestión de confianza para aprobar uns orzamentos que son vitais para a cidade xa que tiñamos os anteriores prorrogados. Houbo un bloqueo claro desde a oposición a estes orzamentos, mais preocupada polos seus intereses que pola cidadanía de Pontevedra».