Comunicacións na provincia de Pontevedra

López insta ao Estado a aclarar se “garda nun caixón” o proxecto de autovía Pontevedra-Ourense

O presidente provincial pide información “para que non se converta no enésimo desprezo do Goberno ás infraestruturas da provincia”

Susana Pedreira

Pontevedra |

López insta ao Estado a aclarar se “garda nun caixón” o proxecto de autovía Pontevedra-Ourense | Deputación de Pontevedra

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, amosou o malestar do executivo provincial pola negativa do Goberno central de construír unha autovía entre Pontevedra e Ourense cun ramal propio cara a Lalín. Tampouco está de acordo o mandatario provincial co argumento esgrimido para descartar o proxecto, que basea a súa postura na existencia doutros itinerarios. Por iso, desde a Deputación de Pontevedra instan ao Ministerio de Transportes a aclarar se “garda indefinidamente nun caixón” este proxecto estratéxico para mellorar as comunicacións na provincia de Pontevedra.

Neste sentido, Luis López sinala que un deses itinerarios alternativos aos que se refire o Goberno é a estrada N-541, na que se produciu o fatídico accidente de autobús na Noiteboa do 2022 e é escenario de constantes accidentes. Uns problemas de seguridade viaria que motivaron a unión dos alcaldes baixo a plataforma coñecida como o Pacto de Pedre para reclamar a mellora inmediata deste trazado que une Pontevedra e Ourense. “Non queremos parches, queremos actuacións integrais”, esixiu o presidente da Deputación.