Campaña de Normalización Lingüística

'O Galego dáche un punto' aterra un ano máis no concello de Soutomaior cun atractivo programa cultural

Un calendario de actuacións que dará comezo este venres, 27 de febreiro co monólogo ORILLE de Pepo Suevos ás 20:30h no Multiúsos de Arcade.

Redacción

Pontevedra |

Manu Lourenzo, alcalde Soutomaior | Onda Cero Pontevedra

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e a técnica de Cultura do Concello, Sonia Pintos, presentaron a programación para as artes escénicas que nos achega, dende normalización Lingüística, a campaña Goza do teu Punto G, o galego dáche un punto.

Tal e como afirmou Manu Lourenzo “con esta campaña animamos a toda a veciñanza a Gozar do seu punto Galego nas artes escénicas, na música e no seu día a día e por iso, un ano máis, levaremos adiante actividade e iniciativas de promoción do galego na administración pública e actividades de normalización lingüística que traerán a Soutomaior algunhas das principais referencias artísticas do noso país que nos van dar un punto en galego e animarannos a gozar dese punto G do idioma”.

O Concello de Soutomaior impulsará accións a través das áreas que proxectan e conectan directamente coa cidadanía impulsando o galego na escena, ofertando unha axenda municipal na que programaremos espectáculos teatrais dirixidos ao público adulto, á mocidade e ao infantil familiar con propostas de grandes compañías como Ibuprofeno Teatro, Excéntricas, Gallaecia Eventos, A Covas da Letras, Galitoon ou tamén aterrarán en Soutomaior monologuistas da talla de Pepo Suevos, Oswaldo Digón, Aratxa Treus e Jazmín Abuín, Quico Cadaval, Evaristo Calvo ou Leti da Tabera ou narradoras orais como Vero Rilo.

Todos estes espectáculos serán de balde ata completar o aforo, o espazo onde se celebrarán estas citas coas artes escénicas será o Multiúsos de Arcade.

Datas de actuacións

Un calendario de actuacións que comezará xa este venres 27 de febreiro co monólogo ORILLE de Pepo Suevos. Unha cita que dará comezo ás 20:30h., apertura de portas ás 20:00h. Neste monólogo Pepo Suevos nos mete na historia dunha viaxe que prometía ser moi tranquila de Santiago a Baños de Molgas, pero foi entón cando se lle cruza o destino... e ía vestido de verde!!! Aquel día foi o peor inimigo da Garda Civil e das normas de Tráfico... Se queredes coñecer o resultado desta divertida historia vémonos este venres, ás 20:30h., no Multiúsos de Arcade.