Soutomaior apoia ao sector da anguía e solicita alternativas a prohibición da captura desta especie
Arcade é a zona que concentra a maior cantidade de embarcacións que viven da anguía en Galicia, por esa razón dende o concello amosaron o seu apoio a esta pesca artesanal.
O Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico comunicou a súa intención de declarar a anguía en perigo de extinción. Unha denominación que implicaría a prohibición desta actividade pesqueira en España segundo a Lei de Patrimonio Natural e biodiversidade.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, participou da última reunión da confraría de Arcade. Neste marco foi analizada a importancia dunha especie como a anguía para o sector. Está considerada estratéxica porque supón preto do 80% dos ingresos. Así, a declaración proposta polo Ministerio de Transición Ecolóxica tería un impacto moi lesivo para o concello de Soutomaior: consideran que sería unha situación “calamitosa” que condenaría o sector primario da extracción á ruína.
Os datos que teñen dende a propia confraría abalan o bo facer do sector e que nos últimos anos lonxe de detectarse merma nas capturas se teñen detectado repuntes.
Postura do alcalde de Soutomaior
Tal e como dixo Manu Lourenzo “hai moitas medidas para protexer a anguía, como o coidado do seu hábitat, antes que prohibir a súa pesca, non ten sentido prohibicións aquí mentres Francia e Portugal seguen pescando, hai informes nos que se establecen as principais causas que afectan a anguía, un animal que tivo unha redución no seu hábitat do 95%”.
O alcalde lembrou nesta xornada que “a pesca artesanal é unha pesca coidadosa e respectuosa e os anguileiros do sector son os principais preocupados en manter a sustentabilidade da especia porque levan xeracións adicándose a iso e ninguén ten máis sensibilidade ambiental coa especie que o sector de anguileiros de Arcade”.
O alcalde solicitou “a todas as administracións que nos sumamos na defensa da pesca artesanal e na busca de solucións para garantir a sostibilidade da especie”.
Dende o concello seguirán de preto toda a información e novidades que se teñan en relación coa pesca desta especie e quixeron amosar o seu apoio a este sector que sigue con incertidume o seu futuro xa que a veda da anguía ábrese en abril e poderían pescar ata setembro, pero con tan pouco marxe de manobra, a estas alturas, non estarían a tempo de cambiar a arte de pesca.