Economía e facenda

O Concello de Pontevedra conxelas taxas e impostos por undécimo ano consecutivo

A conxelación aforrará de xeito directo a todos os pontevedreses e pontevedresas un total de 1,57 millóns de euros.

Susana Pedreira

Pontevedra |

O Concello de Pontevedra conxelas taxas e impostos por undécimo ano consecutivo | Cedida polo Concello de Pontevedra

O concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González, explica que a decisión chega «unha vez realizadas as proxeccións económicas necesarias para a prestación dos servizos básicos aos cidadáns». González lembrou que «aínda que poida parecer obvio», o obxectivo fundamental dos ingresos e prestar os servizos básicos fundamentais.

A proxección económica realizada nos servizos económicos do Concello indica que non é preciso subir os impostos ou as taxas para poder seguir mantendo os nomeados servizos. «Para nós, o asunto das taxas e dos impostos, no que se adoita caer na demagoxia, require dun estudo complexo que no noso caso ofrece resultados moi positivo». Así, a decisión de manter a mesma presión fiscal para a veciñanza pontevedresa achégase, de xeito principal, grazas ao aumento de ingresos a través de distintas fontes, coma o repunte de recadación de impostos no caso do ICIO, asociado ás obras; ou o incremento das transferencias estatais.

A conxelación das taxas e impostos aforrará aos pontevedresas e pontevedresas un total de 1,57 millóns de euros, que non terán que asumir no seu peto a subida do IPC. En definitiva, «non nos damos por satisfeitos», engadiu o concelleiro. «Seguiremos traballando na depuración de padróns e actualización e na persecución de fraudes. Falamos de actuacións que nos deron bo resultado até o de agora. Malia non subirmos impostos e taxas, os ingresos foron medrando, por diversas causas, pero foron medrando. Nós o que buscamos con todo isto é a equidade fiscal, que todo o mundo pague, non é un afán recadatorio, é tratar a todos os cidadáns da mesma maneira, ademais de buscar eficiencia no gasto».