Espazos de lecer e festivos seguros

O Concello impulsa un protocolo fronte ás violencias sexuais no lecer nocturno

A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, presentou o borrador do que será unha ferramenta de prevención, detección e actuación fronte a calquera tipo de violencia sexista para contribuir a crear e consolidar espazos de lecer e festivos seguros para todas e todos. “Malia que as máis das veces somos as mulleres as que sufrimos as violencias sexuais, hai persoas do colectivo LGTBIQA+, que son tamén obxecto desas agresións”, lembrou a concelleira. Hai que lembrar que a violencia sexual ou a ameaza de sufrila é unha das formas prioritarias de limitación de acceso a espazos públicos en clave de igualdade e desde o Concello de Pontevedra trabállase en acadar unha igualdade real e efectiva.

Susana Pedreira

Pontevedra |

O Concello impulsa un protocolo fronte ás violencias sexuais no lecer nocturno | Concello de Ponteveda

O protocolo será a ferramenta que marque as pautas de prevención e actuación fronte as violencias sexuais nas actividades recreativas asociadas ao lecer nocturno regulamentadas pola lexislación autonómica (Lei 10/2017 do 27 de decembro e Decreto 124/2019 do 5 de setembro) e tamén naqueles establecementos ou espazos que, mediante a formalización do proceso de adhesión, queiran sumarse. A adhesión é voluntaria, estará identificada cunha imaxe e mensaxes informativas nos locais e implica un compromiso activo de rexeitamento e loita fronte as violencias sexistas.

O borrador -un documento técnico- foi trasladado aos grupos políticos na Comisión municipal de Igualdade, celebrada a pasada semana e estará no Consello da Muller do vindeiro día 9 para a súa avaliación e presentación de posibles achegas. Tamén foi avaliado polo CIM e estará a disposición dos colectivos feministas de Pontevedra.