Ciclo musical solidario en Cambados

Bodegas Martín Códax entrega a recadación dos “Xoves de Códax” ás asociación beneficiarias

A XII edición do ciclo musical solidario da adega cambadesa entrega máis de 35.000 euros a diferentes asociacións seleccionadas que traballan con colectivos en risco ou con necesidades especiais.

Susana Pedreira

Pontevedra |

Bodegas Martín Códax entrega a recadación dos “Xoves de Códax” ás asociación beneficiarias | Bodega Martín Códax

Bodegas Martín Códax entregou esta mañá a recadación da venda de entradas aos concertos da duodécima edición do ciclo musical solidario Os Xoves de Códax ás asociacións ACOUGO (Asociación Galega de Familias de Acollida), AGAELA (Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica), ASPANAES (Asociación de Padres de Personas con Trastorno del Espectro Autista) e DISCAMINO (asociación para facilitar que personas con discapacidad puedan disfrutar del Camino de Santiago).

O presidente de Bodegas Martín Códax, Xoan Allegue, quen fixo entrega dos cheques aos representantes das distintas asociacións, agradeceu a grande acollida que ten ano tras ano este ciclo musical solidario entre o público. Destacou que “un ano máis con esta e outras actividades da adega intentamos reflectir o noso compromiso coa sociedade galega e a nosa aposta pola vinculación co noso entorno, coa nosa identidade e cos valores colaborativos”.

Allegue, ademais, reflexionou sobre a filosofía de Bodegas Martín Códax e das entidades beneficiarias de Os Xoves de Códax. “A colaboración é e será fundamental no noso día a día. É a filosofía de Bodegas Martín Códax, formada por familias, e é a mesma particularidade que nos une ás asociacións aquí presentes que traballan na igualdade de oportunidades para todas as persoas, para que ninguén quede atrás. Xuntos, cooperando, medramos máis e mellor”. “Queremos dar as gracias a todas e cada unha das persoas que asistiron ós concertos desta duodécima edición de Os Xoves de Códax que contribuíron á recadación destinada a cada unha das organizacións aquí presentes. Sen eles non sería posible o éxito desde ciclo de concertos solidarios”, engadiu o presidente de Bodegas Martín Códax.

Os representantes das asociacións dedicaron unhas palabras de agradecemento á adega por esta iniciativa e, sumáronse ás grazas do presidente de Bodegas Martín Códax, á solidaridade de todo o público de Os Xoves de Códax que lles permitirán levar a cabo diferentes proxectos destinados a axudar aos colectivos en risco de exclusión ou con necesidades especiais: “Para ACOUGO, esta doazón supón un apoio esencial que nos permite impulsar actividades fundamentais para nenos, nenas e adolescentes en acollemento familiar e residencial. Grazas a esta colaboración, podemos favorecer os encontros entre irmáns e irmás separados e promover espazos de lecer positivo, que contribúen á súa integración, ao mantemento dos vínculos e á reparación das experiencias vividas. Un apoio que reforza a nosa misión de defender o dereito da infancia a medrar en familia e avanzar cara a unha sociedade máis xusta e responsable.” “Para AGAELA, esta achega supón un apoio esencial que nos permite seguir prestando servizos sociosanitarios e reforzar o banco de produtos de apoio, que cedemos de xeito gratuíto ás persoas socias afectadas e ás súas familias. Así mesmo, contribúe a impulsar accións de visibilización e concienciación social sobre a ELA, e a fomentar a investigación para a súa detección precoz e a procura dunha cura.

Este donativo supón, en definitiva, unha axuda fundamental para avanzar nos obxectivos que guían á nosa asociación.” “Para ASPANAES esta doazón fai posible dotar de mobiliario o novo centro sociosanitario para persoas con autismo en Galicia, un recurso especializado que promove a autonomía de 131 usuarios e o apoio de 524 familias. Ademais, contribúe á inclusión, á igualdade de oportunidades e á sustentabilidade da nosa entidade, garantindo a continuidade da atención e reforzando as alianzas sociais.” “Para DISCAMINO, esta doazón supón un apoio fundamental que nos permite adquirir novo material co que facer posible que máis persoas con diversidade funcional poidan gozar de experiencias de lecer compartidas, de paseos ao aire libre, sentir o sol e o vento, e compartir a emoción de formar parte dun grupo de amizade e compañeirismo.” Cos catro concertos celebrados ao longo deste verán, a adega entregou máis de 35.000 euros ás asociacións e aportou mais de 2.400 euros á Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) como unha aportación máis á cultura e os autores.

Client Challenge

En cifras xerais, a cantidade total recadada ao longo das doce edicións supera os 300.000 euros, repartidos entre diferentes asociacións solidarias. Esta duodécima edición do ciclo musical de Os Xoves de Códax, xuntou a artistas de diferentes orixes nun espectáculo de fusión cultural e musical. Depedro, Eladio y Los Seres Queridos, Valeria Castro, Guadi Galego, Moisés Fernández, Israel Fernández, Israel Suárez “El Piraña”, Delia Membrive, Isaac De Los Reyes, Juan José Suárez “El Paquete”, Rubén Fernández, José Suárez, Anxo Araújo e La Bien Querida. Os Xoves de Códax supoñen, ademais, continuar co apoio de Bodegas Martín Códax á cultura, á música e a todo o seu colectivo, os protagonistas indiscutibles, xunto coas asociacións beneficiarias, deste ciclo musical.