Ourense |
O PSdeG-PSOE de Ourense celebra a recuperación das frecuencias do AVE na estación de tren da Gudiña, tras meses de reivindicacións veciñais. Así o puxo de manifesto o voceiro do grupo provincial socialista na Deputación de Ourense e secretario provincial, Álvaro Vila, quen amosou a súa satisfacción pola recuperación das conexións ferroviarias na Gudiña, unha demanda do oriente ourensán que volve ser unha realidade tras meses de mobilización social e institucional.
Durante unha rolda de prensa celebrada en Ourense, Vila destacou que esta mellora “permite restablecer enlaces tanto á primeira hora da mañá como á última da tarde con Madrid e Ourense, dando resposta a unha reivindicación sostida por veciños, colectivos sociais e polo propio PSdeG-PSOE de Ourense”.
“O compromiso do PSOE foi total desde o primeiro momento, traballando xunto á cidadanía e trasladando as súas demandas tanto a Renfe como ao Ministerio”, subliñou. Neste senso, puxo en valor a implicación de todas as estruturas do partido, tanto a nivel local como provincial, autonómico e estatal, ata acadar a recuperación dunhas frecuencias “clave para a vertebración do territorio”.