Pontó reclama que o estado pague a Galicia os 186M€ que lle debe en materia de dependencia
Luís Seara afirma que “a parálise” do concello de Ourense repercute gravemente nos servizos públicos de atención a persoas con discapacidade
Na súa visita ao Centro Integral de Servizos “AIXIÑA” de Ourense, onde mantivo un encontro con diferentes asociacións de persoas afectadas por enfermidades neurodexenerativas, discapacidade física, esclerose múltiple, Lupus, enfermidades neuromusculares e renais, Crohn, Párkinson e ELA, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, comprometeuse a levar á Cámara galega as súas demandas entre as que destacou aumentar a partida orzamentaria que inclúe a construción da residencia de maiores na cidade.
Acompañada da deputada, Noa Presas e o candidato do BNG á Alcaldía de Ourense, Luís Seara, Pontón denunciou que as entidades levan máis dun ano sen poder cobrar as axudas do concello o que está dificultar gravemente o labor de atención social das persoas con discapacidade e diversidade funcional. “As administracións deben responder porque resulta ilóxico que tras conceder as axudas, as entidades beneficiarias non poidan cobralas”.
Sobre a autonomía persoal, dixo que resulta “ grave” que non se cumpra a lei de accesibilidade ao que sumou contar cunha Lei de dependencia, que en moitos ámbitos só é “papel mollado”. En Galiza explicou, existe un 14% de persoas dependentes nun total de 17.000 das que 1.500, a pesar de ter recoñecido o dereito á dependencia, non reciben ningún tipo de axuda. Para resolver esta situación son necesarios máis recursos económicos polo que reclamou “os 186 M€ que o Estado debe a Galiza nesta materia”.
Neste sentido manifestou que “é grave que o Partido popular non reclamara esta débeda pero é igual de gravoso que o Goberno central non amose ningunha disposición a pagarlle a Galiza esta débeda histórica”. Con 186 Millóns de euros, recalcou, poderíamos pagar a dependencia ás persoas que agora non reciben a axuda.