Inclusión social

Ourense será sede do campionato do mundo de atletismo para persoas con discapacidade

O Virtus 2026 terá lugar na pista de Expourense

Paco Sarria

Ourense |

Ourense será sede do campionato do mundo de atletismo para persoas con discapacidade | Onda Cero Ourense

A provincia de Ourense acollerá en 2026 o Campionato do Mundo de Atletismo en Pista Corta VIRTUS, converténdose no epicentro internacional do deporte adaptado e consolidando o seu posicionamento como territorio de grandes eventos deportivos. O presidente da Deputación destacou durante a presentación oficial que esta cita “non é só unha competición deportiva, senón unha declaración de principios”, subliñando que Ourense “xoga xa na primeira división do deporte adaptado internacional”. Tras 26 anos sen que España organizase un campionato internacional de atletismo para persoas con discapacidade intelectual, será Ourense quen asuma este reto, recibindo delegacións de todo o mundo nun evento que se desenvolverá na pista cuberta de Expourense. Unha provincia preparada para grandes retos A elección de Ourense non é casual. Responde ao traballo continuado da institución provincial na promoción do deporte como ferramenta de cohesión social, proxección internacional e orgullo colectivo, tal e como destacou Luis Menor. Precisamente, detallou que a provincia conta con instalacións deportivas de primeiro nivel; experiencia organizativa contrastada; capacidade hoteleira e de servizos; un tecido social comprometido e apoio institucional firme.