O Ourense Film Festival propón roteiros cinematográficos
Propoñen visitar escenarios de cine na provincia
Ourense |
Ourense Film Festival anuncia unha nova edición da actividade paralela Roteiros de Cine, unha proposta xa consolidada nas últimas edicións do festival e que cada ano reúne a numeroso público. A provincia de Ourense convértese, unha vez máis, nun gran escenario ao aire libre a través de varias rutas cinematográficas que permite descubrir lugares que serviron de plató para películas e producións audiovisuais de distintas épocas.
Ao longo destes percorridos, os asistentes poderán coñecer como diferentes zonas da provincia, e tamén a cidade, se transformaron ante as cámaras para narrar historias de todo tipo. Ademais de identificar localizacións de rodaxe, as visitas inclúen curiosidades, anécdotas e detalles sobre as producións que escolleron Ourense como escenario. Unha experiencia diferente para amantes do cine e do patrimonio, que invita a ver a provincia cunha mirada diferente.