Ourense Cidade

A Xunta transfire a Rúa Marcelo Macías a prol do Concello de Ourense

A Xunta actuou en 1,3 quilómetros desta vía autonómica, cooa renovación do pavimento, das beirarrúas, dos pasos de peóns ou dos sinais, así como do alumeado público. O Concello asume agora a titularidade da vía e terá a responsabilidade da súa conservación e mantemento.

Óscar Gómez

Ourense | 20.01.2023 08:59

A Xunta transfire a Rúa Marcelo Macías a prol do Concello de Ourense | La Voz de Galicia

O Goberno galego, tras acometer as obras de renovación integral deste treito da estrada OU-540, procede agora á súa transferencia á Administración local. Os traballos de mellora e renovación integral executáronse no marco dun acordo de colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e o Concello de Ourense, que se comprometeu a asumir a titularidade deste tramo comprendido entre os puntos quilométricos 0 e 1+320, unha vez finalizadas as obras.

A transferencia tramítase agora de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que estable a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas. Co cambio de titularidade aprobado hoxe polo Consello da Xunta, o Concello terá a competencia para actuar nesta vía e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.

O Executivo autonómico destinou un investimento de 1,7 millóns de euros ao acondicionamento de 1,3 quilómetros da estrada autonómica OU-540 que coincide coa rúa Marcelo Macías da cidade de Ourense. As obras consistiron na renovación e mellora do pavimento, dos sinais, das beirarrúas ou dos pasos de peóns, así como das redes de abastecemento e de saneamento e do alumeado público.

A actuación incluíu, ademais, traballos de mantemento e conservación no viaduto sobre o río Barbaña e o reforzo da seguridade viaria da rúa, coa disposición dun total de 7 pasos de peóns elevados co fin de reducir a velocidade dos vehículos e protexer aos viandantes. No marco deste proxecto, tamén se desenvolveron traballos de renovación de servizos urbanos de saneamento, abastecemento, iluminación, coa colocación de luminarias ornamentais da ponte sobre o Barbaña.