A Xunta proxecta unha nova senda peonil na OU-402 en Reza
O obxectivo é habilitar un itinerario peonil continuo de 2,2 km pola marxe dereita da vía, conectando as edificacións e os treitos illados de beirarrúas, para garantir desprazamentos a pé máis cómodos e seguros.
Ethel Vázquez, destacou o inicio do proceso polo que a Xunta somete a información pública o proxecto da nova senda na OU-402 en Reza, froito do diálogo cos veciños e cun orzamento de 1,5 millóns de euros. Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, presentou esta nova actuación para habilitar unha senda peonil continua de 2,2 km pola marxe dereita desta vía autonómica, ao paso por este núcleo da cidade de Ourense.
Tal e como explicou a conselleira, a presentación do proxecto desta senda de Reza, reformulado en acordo cos veciños, faise coincidir coa publicación no Diario Oficial de Galicia deste mércores do anuncio polo que se somete a información pública o proxecto, tamén a efectos expropiatorios, xa que se afectan 37 parcelas, por un prazo de 30 días.
As persoas que o desexen teñen ata o 19 de outubro para trasladar as súas achegas. Os prazos que manexa a Xunta, tal e como avanzou a conselleira, é aprobar a finais de ano o proxecto e a declaración de utilidade pública dos terreos necesarios, licitar as obras na primavera e iniciar os traballos no verán.
Destacou que este novo proxecto responde á vontade de diálogo permanente da Xunta para acadar unha solución satisfactoria e que minora no posible as afeccións. Así, habilitarase na OU-402 un itinerario ao longo de 2,2 km, para conectar as edificacións e os treitos illados de beirarrúas, para que os desprazamentos a pé se poidan realizar de xeito máis cómodo e seguro.
A conselleira concretou que a senda estenderase desde a intersección coa rúa Portalón ata o aparcadoiro situado no quilómetro 3+290 da estrada. Pola marxe esquerda realizaranse, ademais, pequenas actuacións puntuais relacionadas coa nova posición dos pasos de peóns ou das paradas de autobús acordadas. O itinerario peonil deséñase co mesmo trazado, tanto en planta como no alzado, da estrada, mantendo unha beiravía de 0,50 metros. Executarase en formigón desactivado e con bordo elevado sobre a vía.
Atendendo ás consideracións feitas polos veciños e para minimizar afeccións aos peches, a senda oscilará entre os 1,8 e os 3 metros de ancho, en función das edificacións lindeiras. Tamén nun pequeno treito (no punto quilométrico 2+050 e 2+200) modificarase lixeiramente o trazado da estrada, movendo 1 metro o eixe para evitar tocar os peches.
A actuación farase de xeito coordinado coa dotación de bandas de aparcadoiro en liña na marxe dereita que eviten que os vehículos paren invadindo o recorrido peonil. A conselleira precisou que, atendendo ás demandas veciñais, se reubicarán varias paradas de autobús tamén na marxe contraria á senda, para que a subida e a baixada de viaxeiros se faga sen interrupcións. Ademais disporanse 6 novas marquesiñas.
A intervención completarase con traballos adicionais de mellora dos sistemas de drenaxe, a preinstalación de canalizacións de servizos, sistemas de contención, construción de muros ou reforzo da sinalización. A actuación, en palabras de Ethel Vázquez, farase co máximo coidado e sensibilidade, incorporando todas as propostas veciñais que son factibles desde o punto de vista técnico e da seguridade viaria.
Fixo fincapé, tamén, en que atendendo a esa premisa de máxima sensibilidade e mínimas afeccións, as expropiacións incluirán a ocupación temporal dos terreos para executar a reposición das ramplas de acceso e, cando sexa posible, a recolocación dos peches que sexa preciso levantar.