Ourense Cidade

A Xunta pon en valor as axudas para facilitar a obtención do carné de conducir

“Ter carné de conducir é unha ferramenta fundamental para acceder a un traballo”, asegura Alfonso Rueda para defender a relevancia destas axudas por parte da Administración

Óscar Gómez

Ourense |

A Xunta pon en valor as axudas para facilitar a obtención do carné de conducir | onda cero

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor a nova convocatoria de axudas para apoiar á mocidade galega que non estea a traballar a sufragar os custos de sacar o carné de conducir de coche, camión e autobús. O obxecto, segundo apuntou, é que isto lle facilite atopar un emprego ou que lle supoña directamente unha saída laboral, ante a “altísima demanda” de condutores profesionais.

Durante unha visita a unhas clases prácticas nunha autoescola de Ourense, na que conversou con alumnado e mestres, Rueda advertiu que ter o carné de conducir é xa un requisito indispensable en moitos traballos e un xeito de mellorar as oportunidades laborais dos mozos e mozas.

“Hoxe en día ter carné de conducir é unha ferramenta fundamental para acceder a un traballo, pero tamén supón un esforzo económico para a xente moza ou as súa familias”, admitiu o mandatario galego para defender, consecuentemente, a importancia destas axudas por parte do Goberno autonómico. A cuarta convocatoria destas achegas publícase hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) e poderán solicitarse desde mañá e ata o 30 de setembro ou ata esgotarse o crédito.

Entre 400€ e 1300€ de axuda

O presidente galego precisou que estas axudas van dirixidas á mocidade, de entre 18 e 30 anos, que non estean traballando, que poderán recibir entre 400 e 1300 euros para sufragar parte do custo que supón a consecución destes carnés de conducir. Nesta cuarta edición, tamén poden solicitar a axuda a rapazada que sacasen o carné no 2023 xa que o ano pasado non se convocaron estas achegas.

Rueda cualificou de “potente e atinada” esta orde de axudas, á que se destinarán 800.000 €, e que se encadran no obxectivo da Xunta de consolidar Galicia como un dos mellores sitios para vivir e

traballar, o que implica promover medidas que vaian nesta liña de facilitar que a mocidade acceda a un posto laboral estable e de calidade.