Transporte

A Xunta pon en funcionamento novos servicios de autobús os 5 centro penitenciarios de Galicia

As melloras supoñen a creación de novas liñas específicas, a ampliación de itinerarios noutras rutas existentes, o incremento de frecuencias e o axuste de horarios segundo as quendas de visita de cada un dos centros.

Óscar Gómez

Ourense | 27.01.2022 09:52

A Xunta pon en funcionamento novos servicios de autobús os 5 centro penitenciarios de Galicia | onda cero

A Xunta pon en funcionamento este venres, día 28, os novos servizos de autobús de conexión cos cinco centros penais de Galicia, que incorporan máis frecuencias e horarios axustados ás quendas de visitas destes centros, unha medida na que a Comunidade é pioneira.

Este novos servizos foron deseñados no marco dun estudo novidoso en España, impulsado desde a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para a mellora do sistema de transporte público ao conxunto de centros penais de Galicia, co obxectivo de dotalos de conexións adecuadas ás necesidades particulares de cada centro.

Os técnicos da Dirección Xeral de Mobilidade abordaron en pasadas semanas o plan de mellora específico cos responsables dos centros penais, que achegaron as súas propostas e prioridades durante a fase de deseño dos novos servizos.

En conxunto, entre as melloras salientan a creación de liñas específicas aos centros penais, a ampliación ata os centros dos itinerarios de liñas próximas xa existentes, o incremento de frecuencias ou o axuste dos horarios dos servizos ás quendas de visita. Cada prisión conta, ademais, con actuacións específicas segundo as súas circunstancias e as prioridades establecidas polas direccións dos centros.

A prisión de Teixeiro, situada no municipio coruñés de Curtis, dótase de conexións baixo demanda en dous eixes. Por un lado, créase unha liña desde Betanzos, que aproveita a súa situación como nó de comunicación do transporte público do corredor A Coruña-Ferrol, permitindo tamén enlaces con Lugo. Por outro lado, incorpórase unha parada no centro penal nos servizos entre Santiago de Compostela e Vilalba ou Burela, e engádense novas frecuencias adaptadas ás visitas que se realizarán previa solicitude dos usuarios. En total, os visitantes disporán cada semana de 29 frecuencias de autobús con Betanzos e 8 para as viaxes desde Santiago de Compostela, todas elas baixo demanda.

En Lugo, o centro penal de Bonxe, en Outeiro de Rei, estará conectado coas cidades da Coruña e Lugo con servizos nos que a parada do cárcere se prestará baixo demanda. A habilitación dun desvío nas liñas actuais permite ata 50 frecuencias semanais coa Coruña e 66 con Lugo. Ademais das visitas, a activación desta parada facilita o acceso ao transporte público aos familiares residentes nos pavillóns-vivenda do recinto.

O centro penal de Monterroso xa contaba con parada nos servizos de autobús que unen este municipio con Lugo. Con todo, dotouse de maior cobertura para incrementar ata 25 as frecuencias semanais coa capital da provincia, todas elas sen necesidade de reserva previa. Ademais, o cárcere tamén está conectado con Lalín, A Coruña e Ourense, se ben estas últimas dúas cidades requiren transbordo en Monterroso. Neste caso, as melloras xa foron implantadas no pasado mes de decembro.

Na provincia de Pontevedra, o centro penal da Lama xa está conectado na actualidade coa capital de provincia e con Vigo, pero planificáronse novos servizos e adaptáronse os actuais para axustalos aos horarios de visita do centro. Coa implantación das modificacións e reforzos, o cárcere contará con 12 frecuencias á semana para as viaxes desde Pontevedra e 14 desde Vigo. En cada caso, só 2 dos servizos funcionarán baixo demanda.

En Ourense, para prestar servizos entre a cidade e o centro penal do Pereiro de Aguiar, modifícase o itinerario dunha liña incluíndo unha prolongación ata o recinto e engádense expedicións axeitadas ás quendas de visita. En total, o cárcere ourensán disporá de 28 frecuencias semanais coa capital da provincia. Este centro conta con internos de 3º grao que se desprazan a Ourense por motivos laborais e de formación, que se beneficiarán da mellora dos servizos.

Coa posta en funcionamento este venres das melloras deseñadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Galicia convértese na primeira comunidade en botar a andar un proxecto específico para atender as necesidades de mobilidade dos usuarios que se desprazan aos centros penais. Os traballos forman parte do conxunto de actuacións de seguimento e mellora continua dos servizos que realiza a Xunta no marco do Plan de Transporte Público de Galicia.