Cooperación

A Xunta incorpora o Concello de Oímbra ao programa Xantar na casa

Este servizo permitirá achegar menús semanais, sans e equilibrados aos fogares de dez persoas maiores deste municipio que viven soas

Óscar Gómez

Ourense | 24.05.2022 11:54 (Publicado 24.05.2022 09:55)

A Xunta incorpora o Concello de Oímbra ao programa Xantar na casa | onda cero

A Xunta incorporou o Concello de Oímbra ao programa Xantar na casa que permitirá levar menús semanais, sans e equilibrados aos fogares de persoas maiores que viven soas. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, asinou hoxe o convenio de adhesión, mediante o cal se achegará este servizo a dez persoas deste municipio.

A conselleira lembrou que outros seis concellos desta comarca xa se benefician deste programa: Castrelo do Val, Cualedro, Monterrei, Riós, Verín e Vilardevós. Deste xeito, apuntou, a Xunta axuda a paliar a soidade non desexada de preto de 80 persoas desta comarca de Verín. No conxunto de Galicia, a Xunta achega estes menús semanais a máis de 1.800 persoas de preto de 200 concellos diferentes para o que inviste un total de 2 millóns de euros.

A Xunta incorpora o Concello de Oimbra o programa Xanta na casa | Onda Cero

Fabiola García sinalou que o Goberno galego conta cunha rede autonómica de servizos leva atención e coidados aos fogares das persoas maiores que viven soas. Faino, por exemplo, a través do Servizo de Axuda no Fogar, que achega coidados profesionais ás casas de máis de 24.000 galegas e galegos e no que Galicia é unha das Comunidades líderes a nivel nacional.

Faino tamén a través do servizo de teleasistencia, que permite que as persoas maiores poidan ser atendidas con tan só premer un botón, ou a través do autobús de Coidados porta a porta que nestes momentos está percorrendo todos os concellos galegos, agás as sete cidades, ofrecendo servizos gratuítos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria.

A conselleira aproveitou para visitar o centro de día e a escola infantil da Xunta de Galicia no concello de Oímbra. Dous recursos de conciliación moi necesarios que permiten garantir unha atención especializada no coidado das persoas maiores e da infancia.