A Xunta inciará antes do verán a execución do eixe de mobilidade sostible
A conselleira avanza a licitación a finais de xaneiro das obras de humanización integral dun treito de 600 metros da avenida das Caldas desde a estación intermodal, habilitando un itinerario peonil e ciclista, cun investimento de 1,5 M€.
A Xunta iniciará antes do verán pola avenida das Caldas a execución do eixe de mobilidade sostible que conectará Ourense a través de 5,1 km de itinerarios, cun investimento de 8,4 M€.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, presentou este eixe que irá desde a intermodal ata Expourense -pola avenida das Caldas, a Ponte Romana, o paseo do Barbaña, o CHUO, Expourense e o Pazo dos Deportes Paco Paz- a través de 3 proxectos concretos.
Vázquez Mourelle sinalou que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe o inicio da información pública de dous dos tres proxectos previstos. Trátase das intervencións que requiren de expropiacións: a senda do Barbaña e a conexión co CHUO. As persoas interesadas poderán facer suxestións a estes proxectos desde mañá ata o vindeiro 26 de xaneiro.
Detallou que o primeiro proxecto se corresponde coa avenida das Caldas, prevendo a humanización integral da avenida para mellorar a mobilidade peonil e ciclista, nun treito que coincide, ademais, coa Vía da Prata. O treito obxecto do proxecto suma 600 metros de itinerario peonil e ciclista que suporán un investimento de 1,5 M€.
O proxecto construtivo está redactado e entregarase nos vindeiros días para a súa supervisión, co obxectivo de licitar as obras a finais de xaneiro e inicialas antes do verán. Apuntou que o segundo proxecto abrangue a senda do Barbaña, un itinerario de 3,5 km que suporá un investimento estimado de 4,2 M€.
Explicou que se conformará un eixe de mobilidade sostible entre Os Remedios e Expourense ao longo do río Barbaña, mellorando os itinerarios de mobilidade actuais. Facendo un percorrido de norte a sur, prevese a solución para a beirarrúa precintada na marxe dereita do estribo da Ponte Romana de Ourense, onde se executará unha nova estrutura metálica para o paso peonil independente.
Tamén se conseguirá unha mellor conexión entre a Ponte Romana e a senda do Barbaña, cun novo paso para peóns e bicicletas na avenida Pardo de Cela. Ao longo do percorrido, mellorarase o acceso ás Burgas, conectaranse de modo directo os paseos do Barbaña e do Barbañica. E, finalmente, actuarase no acceso á zona do pavillón Paco Paz e a Expourense.
Subliñou que o terceiro proxecto, o referente á senda de acceso ao CHUO, completará ese eixe de mobilidade sostible que unirá de norte a sur a cidade das Burgas. O itinerario sumará 1 km de lonxitude e un orzamento de 1,7 M€. Esta intervención potenciará a conectividade e a accesibilidade cara ao hospital, desde a actual senda do río Barbaña ata as inmediacións do centro hospitalario, conectando tamén co Santa María Nai e coa Escola de Enfermería.
A actuación máis singular neste treito será na glorieta da praza de Mariñamansa, que se reconfigurará para adaptala ás novas necesidades de mobilidade, dispoñendo un itinerario peonil e ciclista perimetral que permita a circulación de forma segura e compatible co tráfico de vehículos.
A conselleira fixo fincapé en que estes 5,1 km que se van desenvolver multiplicarán a súa funcionalidade, conformando unha rede conectada de 16 quilómetros, da Intermodal á Ponte Vella, ás Burgas, o CHUO, Expourense e Seixalbo; de Outariz a Oira; e de Barbadás a Ourense.