Conciliación Familiar

A Xunta financia o programa Oímbra Verán para nenos entre 3 e 14 anos

A conselleira Elena Rivo fixo fincapé no benestar laboral e na importancia da conciliación da vida persoal e profesional para que “ a igualdade sexa máis doada en Galicia”.

Óscar Gómez

Ourense | 19.07.2023 08:05

A Xunta financia o programa Oímbra Verán para nenos entre 3 e 14 anos | onda cero

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, sinalou en Oímbra a importancia de impulsar e apoiar desde as administracións a conciliación corresponsable, favorecendo a organización das familias -neste caso- durante o período estival mentres os pequenos desfrutan de momentos de ocio e socialización de forma segura e divertida. Así o sinalou na visita que realizou ao programa municipal Oímbra Verán, que a Xunta apoia desde 2015 e no que este ano participan 50 nenas e nenos de entre 3 e 14 anos.

Este programa favorece a conciliación para facilitar que calquera persoa traballadora poida facer un uso equilibrado dos seus tempos e así velar polo coidado da súa familia, o seu desenvolvemento como persoa, a súa formación ou o seu tempo libre. En Oímbra, o programa ofrece clases de inglés, xogos, música, deporte, excursións ou actividades acuáticas.

Elena Rivo salientou que esta “é tan só unha das liñas de axuda que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade pon á disposición das familias galegas” para apoiar a conciliación e o fomento da corresponsabilidade, xestionando este ano preto de 17 millóns de euros con ese obxectivo.

Na súa intervención, a conselleira referiuse ao II Plan Galego de Benestar Laboral, Conciliación e Corresponsabilidade, que cun orzamento global superior aos 1.100 millóns de euros servirá de marco para as políticas autonómicas que se desenvolvan deica 2025 co foco posto no fortalecemento dos recursos de apoio ás familias e na dignificación dos traballos de coidado. “Desde o Goberno galego intentamos favorecer a conciliación, un apoio que ter que ser transversal, xa que afecta a moitos eidos”, apuntou, ao tempo que sinalou a importancia de apostar pola conciliación e a corresponsabilidade para que “a igualdade sexa máis doada en Galicia”.

Ademais do II Plan Galego de Benestar Laboral, Conciliación e Corresponsabilidade, a futura Lei de igualdade, que está na actualidade en tramitación parlamentaria, incide no benestar laboral e na conciliación da vida persoal e profesional.