A Xunta entrega o premio Familia Empresaria a empresa Aceites Abril
Resalta que este tipo de compañías xeran o 86% do emprego privado da comunidade e representan o 85% do Valor Engadido Bruto Empresarial de Galicia.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o compromiso da Xunta coas empresas familiares dada a importancia que teñen na economía galega e que son un modelo industrial que permite poñer nomes e apelidos á puxanza da comunidade. Durante a entrega do XVI Premio Familia Empresaria de Galicia á familia Pérez Canal -á fronte de Aceites Abril- Rueda lembrou que este tipo de compañías representan o 85 % do Valor Engadido Bruto empresarial de Galicia e que xeran o 86 % do emprego privado na Comunidade.
O titular do Goberno galego destacou o modelo destas compañías que compiten desde a proximidade e apostan por desenvolver e manter os seus proxectos en Galicia para levar os produtos galegos por todo o mundo. É o caso de Aceites Abril, unha firma ourensá que superou os 300 millóns de euros en vendas o pasado ano, que dá emprego a 150 persoas e que contribúe a facer ‘marca Galicia’ ao vender os seus produtos en toda España e en moitos outros países.
A Xunta, tal e como destacou o presidente autonómico, mantén unha firme aposta pola transformación e modernización do sector agroalimentario co obxectivo de seguir mellorando a calidade dos produtos de orixe galega. Por iso, o Goberno autonómico destinou 142 millóns de euros en axudas desde 2016 á transformación e comercialización dos produtos deste eido e avoga por promover e dar difusión á calidade dos alimentos galegos a través da nova sección Galicia Calidade Alimentaria ou da futura Lei da Calidade Alimentaria.
Ademais, a Xunta está a impulsar a mobilización de terras abandonadas a través da Lei de recuperación da terra agraria para dinamizar o rural e contribuír a que haxa empresas que opten por asentarse na Comunidade e busca axudar as empresas neste difícil contexto económico tamén mediante as rebaixas de impostos xa contempladas nos orzamentos de 2023.