A Xunta entrega 100 contenedores para fomentar o reciclaxe
A conselleira afirmou que o novo material permite realizar “un traballo encomiable á única Deputación que presta este servizo nunha provincia na que, ademais, a dispersión da poboación non fai doado este labor”
A Deputación de Ourense conta con 100 novos colectores para a reciclaxe de envases lixeiros e papel-cartón -popularmente coñecidos como contedores amarelos e azuis- entregados pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda dentro do convenio marco asinado entre a Xunta de Galicia e a empresa Ecoembes. Un cento de unidades que permitirán á Deputación potenciar un servizo intermunicipal de recollida e tratamento de lixo único en Galicia e que atende as necesidades de dous terzos dos habitantes da provincia, 200.000 persoas, en máis de 70 concellos.
Pablo Pérez situou a política medioambiental da Xunta “á vangarda de calquera dos gobernos europeos”. Un traballo exemplar, dixo, que xunto co convenio asinado con Ecoembes “vai contribuír a dar pulo ao servizo que presta a Deputación na práctica totalidade do rural da provincia e que non deixa de mellorar, grazas á boa xestión que realiza a área de Medio Ambiente e maila concienciación dos concellos que teñen delegada a súa competencia”.
Pola súa banda, a conselleira destacou que coas novas unidades entregadas hoxe son xa 1.142 os colectores de reciclaxe postos a disposición dos concellos da provincia por parte da Xunta e Ecoembes. Un material que permite realizar “un traballo encomiable á única Deputación que presta este servizo nunha provincia na que, ademais, a dispersión da poboación non fai doado este labor”. Con este acto, engadiu, nos últimos cinco anos entregáronse 10.000 contedores en toda Galicia para fomentar a reciclaxe.
5.200 colectores amarelos e azuis na provincia
Os cen novos colectores súmanse aos preto de 500 contedores que a Xunta e Ecoembes entregaron á Deputación hai catro anos, 450 deles para envases lixeiros e 30 para papel-cartón. En conxunto, a Deputación de Ourense conta con preto de 5.200 unidades distribuídas por máis de 70 concellos. Deste total, 900 colectores pertencen á fracción azul, recollendo o papel e cartón que depositan 124.000 habitantes de 61 concellos. O resto dos contedores, case 4.300, facilitan a reciclaxe de envases lixeiros a unha poboación de 147.000 persoas, destacando neste caso a pureza dos residuos recollidos nestas unidades e que alcanza ata o 75 %.