A Xunta destinará 260.000 € para xestionar a biomasa forestal en Cualedro e Monterrei
José González recalcou que estes cartos serán repercutidos aos propietarios pertinentes porque -segundo dixo- todos debemos cumprir a lei co obxectivo de anticiparnos aos incendios forestais.
O conselleiro do Medio Rural, José González, e o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, supervisan as execucións subsidiarias de xestión da biomasa que se están levando a cabo nos concellos ourensáns de Cualedro e Monterrei. Uns traballos nos que a Xunta investirá preto de 260.000 euros co obxecto de deixar limpas de maleza e de arborado prohibido pola Lei de incendios (piñeiro, eucalipto e acacia) case 100 hectáreas situadas en franxas secundarias, isto é, nos 50 metros máis próximos ás vivendas.
En todo caso, o conselleiro recalcou que estes cartos serán repercutidos aos propietarios pertinentes porque -segundo dixo- todos debemos cumprir a lei co obxectivo de anticiparnos aos incendios forestais. Estas execucións subsidiarias comezarán en sete concellos galegos elixidos pola recorrencia de lumes e porque tiñan avanzadas as revisións da empresa pública Seaga nas parroquias non priorizadas. En concreto, xa se empezou a limpar nos municipios ourensáns de Cualedro e Monterrei, no coruñés de Carnota e no pontevedrés de Gondomar. Posteriormente, actuarase nas localidades ourensás da Gudiña e Lobios e na lucense das Nogais.
O titular de Medio Rural quixo lembrar que, segundo os últimos datos aportados polo convenio de protección das aldeas subscrito coa Federación galega de municipios e provincias (Fegamp) e con Seaga, ao que xa están adheridos 273 concellos, máis do 65 % da superficie incluída no acordo está xa xestionada, isto é, limpa de biomasa forestal. Así, sumando as 157 parroquias priorizadas de 81 concellos e as non priorizadas revisadas ata o momento, o número de parcelas inspeccionadas rolda o medio millón, das que están xestionadas o 63 %. Canto á superficie, a total revisada aproxímase ás 30.000 hectáreas e a xestionada aproxímase ao 65 % do total.
José González lembrou que esta xestión da biomasa é unha competencia municipal, pero que a Xunta decidiu colaborar cos concellos na execución desta competencia no marco da cooperación interadministrativa que require un tema tan importante como é a anticipación aos incendios forestais. Nesa liña, o Goberno galego xerou e remitiu aos concellos unhas 200.000 notificacións e publicacións tanto das parroquias priorizadas como das non priorizadas, para que estes consistorios, unha vez asinadas, as remitan aos propietarios instando á limpeza.
No caso de Cualedro, a porcentaxe de xestión da biomasa nas faixas secundarias aproxímase ao 73 % tendo en conta a superficie e en case o 72 % se atendemos ao número de parcelas limpas. Así mesmo, o conselleiro do Medio Rural apuntou que se remitiron ao Concello de Cualedro para a instar á limpeza dos terreos pertinentes preto de 2.000 comunicacións, que inclúen tanto notificacións a particulares como publicacións para dar con propietarios descoñecidos. Nese senso, se falamos do custo que supoñen as execucións subsidiarias para xestionar biomasa nesta localidade, o importe ascende a case 120.000 euros para limpar preto de 50 hectáreas.
Canto a Monterrei, está xestionada preto do 80 % da superficie situada en franxas secundarias e máis do 77 % se nos fixamos no número de parcelas nesas franxas. No que se refire ás comunicacións remitidas ao Concello para a instar á limpeza, enviáronse preto de 1.600 notificacións e publicacións. Por último, o titular de Medio Rural sinalou que o importe das execucións subsidiarias que se repercutirá aos propietarios que proceda aproxímase aos 140.000 euros, para ter xestionadas -neste caso de Monterrei- outras case 50 hectáreas.
Para concluír, José González referiuse á Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e ás figuras de posta en valor que contempla para xerar actividade económica que sirva, ao tempo, de anticipación aos incendios forestais. Nesa liña, destacou que a comarca de Monterrei será a primeira en acoller polígonos cortalume, deseñados especificamente para exercer de devasa natural fronte aos lumes.