A Xunta destina 6,5 M€ para por en marcha 40 novos pozos de regadío na Limia
Aos 4 millóns de euros investidos na construción desas sondaxes, súmanse agora 2,5 millóns para a instalación de equipos de bombeo e de electrificación necesarios para o seu funcionamento
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a aposta do Goberno Galego na modernización dos regadíos da Limia, aportando un total de 6,5 millóns de euros á construción de 40 pozos para a captación de augas subterráneas e a súa posta en marcha. Un “investimento importante”, destacou, que servirá para “seguir potenciando unha zona de Galicia moi potente, actualizada e cualificada en todo o que ten que ver con cultivos e, sobre todo, cultivos de futuro”.
Rueda, acompañado polo conselleiro do Medio Rural, José González, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, asistiu á sinatura dun novo convenio de colaboración entre o Goberno galego e a Comunidade de Regantes “Nova Limia” para dotar a cada un desas 40 sondaxes executadas –seis para a comunidade de San Salvador de Sabucedo; 13 para a de Lamas-Ganade; outros 13 para a de Corno do Monte; e oito para a de Alta Limia– da instalación de equipos de bombeo y de electrificación necesarios para o seu correcto funcionamento. Uns traballos que posibilitarán unha agricultura máis sostible e respectuosa co medio ao tempo que mellorarán a calidade de vida dos agricultores ao reducir o tempo que se dedica á rega.
Estas actuacións, ás que a Xunta destinará 2,5 millóns de fondos propios –que se suman aos 4 M€ investidos na construción dos pozos–, farán que os agricultores dispoñan dunha toma de auga próxima aos cultivos con caudal mínimo necesario. Así, esta modernización permitirá un maior aforro e eficiencia da rega, contribuirá á regularización dos recursos hídricos da comarca e á introdución de novas técnicas máis eficientes a nivel de parcela, ao tempo que mellorará a renda agraria e o desenvolvemento desta bisbarra ourensá.
Neste sentido, o titular da Xunta lembrou a importancia de levar a cabo un consumo responsable da auga e de concienciar á cidadanía de que cada gota conta, máis tendo en conta que a tempada estival acaba de comezar. “A auga sempre foi un ben moi prezado pero cada vez vaino ser máis polo que, aínda que afortunadamente tivemos un bo ano desde o punto de vista hidrolóxico, iso non quere dicir que non teñamos que estar moi en garda e non teñamos que pensar que a auga hai que aproveitala e moi ben”, asegurou.
Impulso á bisbarra
As actuacións impulsadas son necesarias para levar a cabo o “Proxecto de mellora para o aproveitamento en regadío-A Limia 2022” asinado recentemente entre a Sociedade Estatal de Infraestruturas Agrarias (Seiasa) e as comunidades de regantes. Ao mesmo tempo, súmanse a outros traballo levados a cabo pola Administración autonómica dentro do Plan estratéxico do sector agrario da comarca da Limia como a reparación de varios camiños repartidos nunha ducia de concellos que son utilizados polos agricultores e gandeiros locais a través dun investimento dun millón de euros.
“Temos no sector primario un dos grandes elementos do noso desenvolvemento económico pero nos interesa que sexa cada vez máis moderno”, indicou Alfonso Rueda, ao tempo que agradeceu o labor levado a cabo polas comunidades de regantes “para aproveitar moito máis todas as infraestruturas”.